Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 13 de febreiro de 2020

A propósito da(s) lingua(s)

por Mercedes Queixas no Nós Diario:

A respecto das linguas, quen agora lles escribe observa un discurso insistente Na máxima consideración cara á diversidade lingüística mundial e a necesidade de adquisición da competencia plurilingüe, garante de éxito maior canto máis temperá sexa a exposición das crianzas á aprendizaxe de linguas diferentes da inicial.


Tamén cara á inmersión lingüística como principal procedemento garantista de aprendizaxe doutras linguas e mais cara á consideración de que un bo dominio dunha lingua allea precisa de contextos conversacionais próximos que favorezan o uso, moito máis aló dunhas contadiñas sesións lectivas.

Ora ben, este discurso politicamente correcto e vestido modernísimo íspese ao nos referirmos ao contexto sociolingüístico galego.

E entón, a inmersión lingüística en galego é unha medida antipedagóxica e discriminatoria, xa que impide a correcta aprendizaxe do castelán; a impartición de materias en galego non debe permitirse por invalidar o correcto e homoxéneo proceso formativo do alumnado nas áreas de prestixio social, que é o que conta nos currículos académicos, pois o ámbito humanístico é complementario e subsidiario, xa se sabe!

Consecuentemente, o ensino en galego adoutrina un alumnado sectario, extremista e separatista porque é un «ente politizado per se»; o concepto de normalización lingüística vólvese obsoleto porque «aquí ya somos todos normales» e aplicar un reforzo positivo para a recuperación do galego significa privar de liberdade a sociedade galega e impoñerlle coercitivamente unha vontade antinatural.

No entanto, ben sabemos que o mañá dos nosos fillos e das nosas netas, do noso alumnado, tamén será galego e en galego na medida en que nós o apreixemos nas nosas bocas e nos nosos corazóns, sen renuncias avergoñadas nin claudicacións cultivadas na ignorancia que outros procuran e fomentan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario