Sabemos que o mal está aí pero ninguén, ata hoxe, deu un mínimo paso na súa identificación nin procurou ningún avance na normalización da sanidade. Destaca a inacción da Secretaría Xeral de Política Lingüística que leva 10 ano sen facer ningunha campaña de sensibilización ou promoción do uso do galego, xa non no ámbito sanitario, senón de ningún tipo. Desde aquel "En galego, e logo!" do ano 2007, que, por certo, non era alá unha campaña nada redonda, quedamos completamente orfos dunha imaxe de apoio da Xunta ao uso da nosa lingua. Pola contra tivemos, e temos, unha boa manchea de agravios por parte dos gobernantes que, comenzando polo principio, renegan do galego cada vez máis nas súas intervencións públicas. Fronte a este triste devalo o secretario xeral de política lingüística non só non dimite, o cal sería a única saída digna, senón que cala ou, o que aínda é peor, xustifica. Pois para iso é para o que está, e non para o que se supón para o que debería estar un detentor de tal cargo.
As consecuencias deste panorama caen, como paus, sobre nós, os galegos que aínda nos mantemos na nosa lingua. Por poñer só un exemplo, destes mesmos días e dentro do mundo sanitario, resulta que o Colexio de Farmacéuticos da Coruña tamén lanzaron unha campaña, desta vez contra o galego. Estou a falar do que promocionan como "Siempre con receta", un título máis propio para os usuarios das famacias de Albacete ou de Mendoza, na Arxentina, que para os veciños de Corcubión ou de Ribeira.

Ningún comentario:
Publicar un comentario