Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 23 de outubro de 2019

A Carta Xeométrica bloqueda pola Xunta

Non son poucas as ocasións nas que penso en pechar/deixar de lado este blogue. "Total, para o caso que me fan", penso, "non cómpre perder nin un minuto máis en seguilo actualizando"
Velaí que é onde a Xunta vén na miña axuda. Resulta que este blogue ten a consideración de ser "unha páxina non permitida pola política aplicada na Rede Corportativa" da Xunta de Galicia. Non pode haber mellor incentivo que o de  ver como a alguén do aparato administrativo lle parece o suficientemente molesto  este blogue como para que pasara o traballo de excluílo da nomeada Rede.
Quizais o que molesta é que se posibilite o acceso a 100 recursos educativos, ou a calquera das 429 entradas que tratan algún aspecto da sociolingüística; quizais o problema sexa a identificación e do tratamento dos prexuízos doutras 95 entradas.
Hai quen me di que o problema é que desde este blogue se mantén unha posición crítica co decreto 79/2010  (o decreto de restricción e prohibición do galego no ensino), ou que todo se deba a que se segue unha liña de reprobación política lingüística da Xunta. Non creo que a miseria moral da Xunta chegue a eses extremos, por iso agardo que non tarde en rectificar este bloqueo inxustificado.
Pola contra, resulta ilustrativo comprobar que webs como a da Fundación Francisco Franco, de diversos colectivos fascistas ou pro-nazis, ou defensores do supremacismo castelán ou mesmo de páxinas de quen defende aos asasinos por envelenamento por metílico, son de acceso libre para a Rede Corporativa da Xunta.
Pensándoo mellor, retiro a frase anterior que facía referencia á miseria moral da Xunta.

2 comentarios:

  1. Xa sabiamos que algo nos pasaba...que non era que meteramos a zoupa no ordenador (eu, profe, a primeira en pensalo) cando o venres da semana pasada non puidemos aproveitar os vosos recursos nas nosas aulas!!!
    Mira que botamos fumes por non poder consultar... pois olliño coa ghuiffi, Rede Corporativa da Xunta-dispersa...que o noso patio é moi grande grandísimo!!!!
    ÁNIMO COMPAÑEIRO, QUE SOMOS SEAREIR@S DA CARTA XEOMÉTRICA!!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Coméntanme que hai formas de escaparse do bloqueo, pero son bastante zoupa con isto das TIC e non sei como van.
      Grazas polo vosas palabras

      Eliminar