Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 4 de outubro de 2019

As linguas

por Montse García en La Voz de Galicia:

Onte os versos de Rosalía resoaron nunha decena de linguas baixo os soportais do Museo das Peregrinacións. Estudantes de China, Finlandia ou Irán sumáronse á lectura de poemas «da nosa Shakespeare, Víctor Hugo, Camões...», en palabras do presidente da súa Fundación, Anxo Angueira.
Foi no Día Europeo das Linguas, que lembra a importancia de preservar a diversidade lingüística. Un acto no que se recordou que todos os idiomas son importantes. Unha mensaxe moitas veces difundida pero que aínda precisamos interiorizar no que respecta ao galego. Por que hai a pais que non lle preocupa que os seus fillos non saiban falar a lingua propia? Por que da igual que non pronuncien ou escriban ben mentres en castelán non se pode cometer ningunha falta de ortografía? Ás veces, deberiamos falar máis coa xente que chega dende fóra para apreciar o que temos e darnos conta das portas que abre. Xa cansa escoitar que «do Padornelo para alá non che serve de nada o galego». Esta semana, a primeira portuguesa directora de orquestra, Joana Carneiro, pedía que lle falara en galego á hora de facer unha entrevista. «É tan semellante ao portugués, os nomes das rúas son iguais...», dicía cun enorme sorriso nos beizos. E iso que sabía falar perfectamente castelán despois de aprendelo durante a súa estadía en Estados Unidos a través de amigos mexicanos. Saber galego non quere dicir que non saibas tamén castelán, inglés, francés, chinés, italiano, ruso, alemán... Se, ao final, cando viaxas a lugares con outras linguas, a vontade de comunicarse é o que manda. Como dicía o reitor, «a lingua reflicte a cultura dun pobo». Non perdamos a nosa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario