Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 24 de abril de 2015

Nin consenso nin normalización


Nestes últimos días destacábase nos medios a noticia de que a Xunta presentou un plan para a normalización lingüística de diversos sectores, especialmente o comercial e o empresarial. Ao facerse primeiro a presentación do plante ante o Consello da Cultura e a RAG, e despois no Parlamento, a iniciativa multiplicou a súa presenza nos medios.
Pola contra é prácticamente imposible achar nos medios algunha referencia ás dúas mocións presentadas a semana pasada no Parlamento. A primeira delas foi presentada nun plenario polo deputado socialista Francisco Caamaño. Foi unha mágoa que o parlamentario non se puidera despedir da súa actividade política con esta proposta no seu haber xa que foi rexeitada polo PP.
A moción de Caamaño pretendía unha volta ao consenso sobre a política lingüística. Propoñíase a creación dunha comisión para avaliar a situación do galego apelando ao espíritu co que se elaborara o PXNL. A idea era avalialo e reelaboralo atendendo a unha nova análise que debería facer esta comisión. Tal e como adiantaba hai unhas semanas a CGENDL, ao goberno non lle interesa máis que dar imaxe de diálogo, o propio diálogo e a normalización lingüística non entran dentro do seu proxecto. Francisco Caamaño concluía acertadamente que o trato da Xunta á lingua galego pasaban pola indignidade e o desprezo. Velaí a negación do consenso.
A deputada do BNG Ana Pontón presentou  na Comisión de Xustiza unha proposición non de lei na que se instaba ao goberno establecer o requisito do dominio da lingua galega ao funcionariado da administración de xustiza que desenvolva a súas funcións en Galicia. Na proposición figuraban tamén outros aspectos tendentes á normalización no ámbito xudicial como o da dispoñibilidade en galego do programa Minerva (programa que desde hai uns anos imposibilita a tramitación dos expedientes en galego) ou creación dunha base de datos referencial e actualizada que conteña a lexislación na nosa lingua. A pesar da razonabilidade (incluso da necesidade) da proposta, ésta foi rexeitada polo Partido Popular. Ana Pontón volveu a demostrar, unha vez máis, que o goberno actúa en contra do PXNL. Velaí que á negación do consenso se uniu a da normalización.


Ligazóns:

  • Cultura e Educación entrega no Parlamento o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020, 21/04/15, nota da SXPL
  • A Xunta suma á RAG e ao Consello da Cultura na tarefa de impulsar o galego no tecido económico, 19/04/15, en La Voz de Galicia
  • A Xunta presenta as bases para dinamizar o galego no sector socioeconómico e busca consenso, 22/04/15, no Galicia Hoxe
  • La Xunta impulsará el etiquetado en gallego para abrir nuevos mercados, 19/04/15, no Faro de Vigo


  • Sesión do pleno do Parlamento na que Francisco Caamaño presentou a moción do PSOE sobre a creación dunha comisión para a avalición da situación do galego, 14/04/15, web do Parlamento
  • Indignidade e desprezo contra a lingua dende o goberno galego, 15/04/15, no web do PSdeG-PSOE
  • Sesión da Comisión de Xustiza na que Ana Pontón presentou a proposición non de lei para a normalización da xustiza, 17/04/15, web do Parlamento
  • "O PP está absolutamente so no seu acoso e derribo á lingua galega", 16/04/15, intervención do deputado de AGE Ramón Vázquez no debate parlamentario sobre a proposta de Francisco Caamaño canle de You Tube 'Hai alternativa'


  • Sesión da Comisión de Xustiza na que Ana Pontón presentou a proposta do BNG para a normalización do tecido xudicial, 17/04/15, no web do Parlamento
  • O PP rexeita a prosposta do BNG para impulsar o uso do Galego na Xustiza, 17/04/15, web do BNG

Ningún comentario:

Publicar un comentario