por César Varela García en Terra e Tempo:
Que bon sería que os tantos persoas de nome, OTERO, que hai polo país, usasen a legalidade vixente para recuperar o seu prístino e galeguísimo, OUTEIRO!! Non imos falar aquí da sonada novela de Tólstoi, nin de loitas e paces que acontecesen no noso querido lugar de Outeiro de Rei.
Imos pescudar na orixe dos coñecidos apelidos galegos GUERRA, PAZ e OUTEIRO. Entendemos que os apelidos GUERRA e PAZ nada teñen que ver con situacións de combate e posteriores pacificacións. Como poden semellantes conceitos abstractos pasar a ser apelativos de persoas? En tal caso sería Pacífico, Pacato, Guerreiro… e adxetivos derivados os que poderían ter pasado a nomear ás persoas; mais sería estrano que o sustantivo orixinario pasase ao chamadeiro popular.
Encol do apelido PAZ tiñamos pensado, ao primeiro, se non sería un chamadeiro relativo a persoas que procedían por nacenza ou por traballo nun PAZO. Hai una chea de lugares chamados O PAZO ou PACIÑOS, onde non se enxerga nengunha construción pacenga polos arredores, o que nos leva a pensar se iste nome estarase referindo, mais ben, a construcións pastorís cercadas de paus, e daí, PALATIUS, ou sexa PALIZADAS ou currais. Unha persoa apelidada PALAÇI, marcaria unha referencia á sua relación co curro do gando, e daí o PALAÇ > PAAÇ > PAZ. Non obstante,o apelido PAZ, é coñecido que procede do nome grecolatino PELAGIO, ou home do mar. Daí sairon PELAIO e posteriormente PAIO. Tamén deu en PELAEZ, PAEZ, e logo, PAIS e PAZ. Pensamos que o apelido coruñés de, PAN, ten a mesma procedencia.
Tan estrano como chamar a unha persoa de, PAZ, sería chamalo de, GUERRA. Aí é onde pensamos que este apelido débese á evolución do suévico HERR; o señor, que é equivalente ao DON latino na súa dupla acepción de “señor” e mais de “santo”.
- HERR SANTIAGO!, clamaban os pelegríns xermánicos ao se chegaren a Compostela. O SENIOR latino marcou topónimos como SEÑORIN ou SEÑORANS. Así mesmo,o DOMINUS romano xenerou nomes como, DONÍN ou DONÓN. Pola mesma razón conxeturamos que, o HERR, debeuse transformar desde a lingua dos suevos no noso GUERRA de hoxe. Este apelido é moi común en Ourense e na zona do Bierzo onde da nome a uns sonados viños de uva mencía.
Do apelido GUERREIRO suspeitamos a mesma procedencia, sen nada a ver coa súa faciana de combate; pero tamén podería ser unha evolución do coñecido apelido BARREIRO > GARREIRO (Val Garreiros, en Leiro) e de aí GUERREIRO.
Do apelido OUTEIRO, xeneralizando hoxe nun castrapeado OTERO, podemos dicer que é un topónimo e apelido abundantísimos no país. Para todo o mundo está claro a súa referencia a un lugar prominente con relación ao seu entorno. Mais chaman a atención tres aspeitos:
- Hai lugares chamados de OUTEIRO que están en zonas máis ben baixas ou chás. Como explicar iso?
- Moitos outeiros van acompañados dun nome de persoa? OUTEIRO de Urraca, de Bodas, de María, de Millán, de Lea, de Fernando,...
- Que sendo os outeiros xeralmente lugares íngremes e deshabitados, como pasa a ser un chamadeiro social da xente?
Se decimos, Guillelme do Outeiro, seica nos referimos a que ese Guillelme naceu ou vivíu, nun lugar bravo e inhóspito? Os apelidos recollen referencias do xeito de socializarse a xente en lugares habitados e relacionados cos seus medios de produción. Para explicar estas dúbidas preferimos entender que a palabra OUTEIRO debeu ter o significado de SOBRADO, ou sexa, casa cun primeiro andar. Así, ser do OUTEIRO, daría un certo rango, pois significaba que non se nacera nunha casa térrea.
Un documento medieval pontevedrés recollido polo P. Sarmiento fala: “…..e vendo a miña casa, co seu OUTÓN e o seu mago". Aí OUTÓN sería como o OUTEIRO; o piso da cima. Por tanto o noso Outeiro de Rei, situado nunha área mais ben chá, mais que una referencia a un lugar destacado no releve, estará descrebendo a una boa e anterga casa, co seu andar alto, e ademáis, reguenga, ou pagadora a El Rei, como, CASAL de REI.
Na mesma liña debemos entender o leonés, OTERO DE DUEÑAS, en referencia a una casa grande, tan boa que tiña polo menos un andar e era habitada por “DUEÑAS” ou sexa, DONAS ou monxas; sería por tanto un perfeito trasunto do noso SOBRADO DOS MONXES. OUTEIRO e SOBRADO terían, por tanto, o mesmo valor.
Que bon sería que as tantas persoas chamadas de “OTERO” que hai polo país usasen a legalidade vixente para recuperar o seu prístino e galego OUTEIRO!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario