Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 4 de marzo de 2019

Notas ao vivo: O tesouro do idioma (41)

por Miguel Anxo Fernán Vello no Sermos Galiza:



Castelao tiña conciencia plena do valor do idioma galego e no “Sempre en Galiza” (Vol. I. Cap. XXXIV) deixouno ben claro: “Que diríamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Groria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do Mestre Mateo”. E, por outra banda, Castelao sabía moito ben, e así o afirma no seu ensaio político por excelencia, que o idioma galego era o “pai” e a “nai” do portugués.


Estando como estamos no ano 2019, en pleno século XXI, non existe para quen isto escribe a menor dúbida de que a lingua galega, con “mínimas” variantes formais, é un idioma internacional. E por iso mesmo os galegofalantes temos a posibilidade real de nos comunicar, tanto oralmente como por escrito, con arredor de 260 millóns de falantes no mundo. Ou dito doutro xeito: o idioma galego fálase na actualidade en Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Timor Oriental, Guinea-Bissau, Cabo Verde, Santo Tomé e Príncipe, Macao, Goa e, xa “crioulizado” en certos ámbitos territoriais da India, Sri Lanka, Malaisia e Indonesia.

É dicir, o galego (coas súas diversas variantes) fálase en 4 continentes do mundo é ademais de ser lingua oficial da Unión Europea, tamén o é da Organización de Estados Iberoamericanos, da Organización de Estados Americanos, do Mercosur e da Unión de Nacións Suramericanas, sendo igualmente lingua oficial e de traballo da Unión Africana.

A lingua galega, como todas as linguas, foi evoluíndo e desenvolvéndose ao longo da súa historia (accidentes históricos incluídos) e na actualidade presenta, é certo, nalgúns casos, formas dialectais no plano internacional (enténdase ben isto), o que non impide unha intelixibilidade excelente entre os seus falantes. En viaxe recente a Moçambique, por exemplo, eu puiden constatar persoalmente, non sen grande ledicia, que o galego dese país africano (mesmo tamén no plano fonético) era moito próximo ao falado por min mesmo, de tal xeito que algúns dos seus falantes ficaban mesmo sorprendidos do meu falar “moçambicano”.

Despois de 37 anos de Parlamento Galego e despois de termos un Estatuto de Autonomía que recoñece o idioma galego como oficial na Galiza —sen me esquecer doutras importantes institucións culturais galegas de primeira liña e responsabilidades culturais—, resulta lamentábel que a inmensa maioría do pobo galego descoñeza que o seu idioma propio, o galego, é o pai e a nai do portugués e, xa que logo, é un idioma tamén amplamente internacional.

¿Que foi da Lei Paz Andrade, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, aprobada por unanimidade o 11 de marzo de 2014 polo Parlamento galego? Papel mollado. O certo é que o galego, unha das linguas internacionais máis importantes do mundo, segue a perder falantes na súa propia terra matriz. Ecoan as palabras de Florentino L. Cuevillas cando definía a Galiza como un “pobo estraño que quere desaparecer e non o consegue”. Mais a desaparición futura, na propia terra, do tesouro do idioma propio leva camiño, se non tomamos como pobo conta definitiva (política) do tema, de se converter en realidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario