Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 20 de marzo de 2019

A táboa periódica dos elementos en galego

En 1869 Mendeleev publicaba a súa célebre táboa periódica, na que establecía a súa ordenación dos elementos químicos até entón coñecidos. Isto marcaría un fito de gran relevancia na historia da ciencia xa que, aínda hoxe, se segue a utilizar para facer e construír a química. Por isto, as Nacións Unidas quixeron conmemoralo declarando o 2019 Ano Internacional da Táboa Periódica co obxectivo de que os membros da nosa sociedade, sobre todo os máis novos, coñezan e recoñezan a súa extraordinaria importancia para a ciencia.
Con este motivo o Consello da Cultura Galega organizou unha xornada, O ano internacional da táboa periódica: reflexións dende Galicia na que se presentou, unha táboa en galego. Isto lévanos outra vez a denunciar a política lingüística da Xunta que prohibe o uso desta táboa xusto onde máis se debe utilizar, nas aulas do ensino secundario. Este tipo de actitudes contra a lingua chocan con outras como a do grupo Ciencia NOSA que elabora excelentes materiais de divulgación da química na nosa lingua ou dos editores da Galipedia que elaboraron unha entrada para, precisamente, táboa periódica dos elementos de calidade excepcional e que é referencia para outras linguas da Wikipedia.
Coa recomendación de non seguir as directrices da política lingüística da Xunta, deixo por aquí a posibilidade de descargar a táboa periódica
Máis información en Ciencia NOSA , en GCiencia ou no CCG

Ningún comentario:

Publicar un comentario