O obxectivo fundamental deste comunicado de ProLingua é o de mostrarmos todo o noso apoio a Sabela Núñez Singala, profesora na Pontenova, ante a recriminación e advertencia da Consellaría de Educación por impartir clases de matemáticas en galego. Este apoio leva implícita a reprobación rexa do celoso inspector que a amoestou.
Despois de nove catastróficos anos de aplicación do Decreto de Plurilingüismo, que reduciu a docencia en lingua galega dun mínimo dun 50% a un máximo dun 33% e prohibiu a lingua galega en materias como matemáticas, física, química ou tecnoloxía, o galego está practicamente desaparecido de moitas escolas infantís e cada vez ten menos presenza nos ensinos primario e secundario.
ProLingua ten constancia da existencia de centros (en Gondomar, en Vigo, en Marín, en Ourense etc.) onde algúns profesores non imparten clases en galego de materias que por lei están obrigados a dalas neste idioma (Xeografía, Historia, Bioloxía etc.). Parece ser que a ese profesorado nunca ningún inspector lle fixo a máis mínima observación, mentres que a unha persoa que imparte matemáticas en galego a un alumnado 100% galegofalante si, a esa persoa advírtena e recrimínanllo. A lei do funil: todo é tolerable para o castelán, nada é tolerable para o galego; e esta lingua, xa o sabemos, para a Xunta é incompatible coas matemáticas, coa ciencia, só vale para a literatura e as ciencias sociais.
Coincide no tempo a recriminación a Sabela Núñez Singala con dúas noticias sobre a lingua e a ciencia e outra contra o uso do galego na administración local:
1.- A presentación en galego da Táboa periódica dos elementos de Mendeléiev, efectuada pola presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) e polo presidente da Real Academia Galega (RAG), xunto co secretario xeral de Política Lingüística; e a inminente edición dos XXI Encontros para a Normalización Lingüística baixo o título Divulgación científica en Galicia: cal é o peso (atómico) do galego?, que organiza o CCG en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL).
Para que e para quen se presenta a táboa periódica en galego se está prohibido para a docencia da química no ensino non universitario? Gustaríanos que a RAG e o CCG cuestionasen que a Xunta e a SXPL por un lado prohiban o galego nas ciencias e polo outro fornezan hipocritamente materiais inutilizables. Xogan as institucións lingüísticas e culturais galegas a lle dar lustre á “exitosa” política lingüística da Xunta? A xustificar a exclusión do galego da ciencia sen dicir nin pío?
2. Unha miserable sentenza supremacista do Tribunal Supremo anulou a ordenanza do galego do Concello de Lugo, o que pode sentar un precedente gravísimo para excluír o galego das administracións locais. O responsable da SXPL rexeitou pronunciarse sobre esta sentenza por atinxir “un ámbito local”, ao mesmo tempo que participaba nas celebracións das primeiras sentenzas en galego dos xulgados de Marín.
O CCG, a RAG e a SXPL non teñen nada que dicir sobre a sentenza da ordenanza do galego do Concello de Lugo e sobre a advertencia que a inspección de ensino lle fixo a Sabela Núñez Singala por dar clases de matemáticas a alumnos 100% galegofalantes? Van seguir calados en casos de regresión e represión lingüística como eses? Vanse seguir acompañando e cumprimentando uns a outros en descubrimentos de placas, inauguración de xornadas sobre o galego na ciencia, presentacións de táboas periódicas e outros actos de cara á galería, cando o noso idioma retrocede no ensino, na xustiza, na administración pública e demais ámbitos sociais?
Na situación actual en que o galego segue a sufrir ataques por parte do supremacismo lingüístico, as nosas autoridades seguirán a tomar canapés e charlar animadamente mentres posan sorrintes para os medios de comunicación ? Non hai ninguén que diga que xa basta?
Cando a Xunta de Galicia aprobou as Bases do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, en xaneiro do 2010, a RAG fixo pública unha Análise académica onde se consideraba que a proposta dese decreto era inaceptable por supoñer un claro retroceso na lexislación sobre o galego; que era irresponsable porque o Goberno derivaba responsabilidades a outros ámbitos, e que era inconsistente legalmente e insostible desde o rigor pedagóxico e sociolingüístico. Semanas despois o CCG emitiu un Ditame así mesmo crítico coas devanditas Bases.
Publicacións recentes da RAG e do CCG veñen corroborar un dos temores que a Academia manifestaba na análise do 2010: que a bandeira trilingüe do decreto de plurilingüismo se utilizaba para ocultar a perda e subtracción educativas do idioma galego. ProLingua arela que tanto a RAG coma o CCG pidan a retirada do devandito decreto, á vez que reitera o seu total apoio a Sabela Núñez Singala perante a recriminación por impartir matemáticas en galego a alumnado galegofalante.
ProLingua, 21 de marzo do 2019
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
xoves, 28 de marzo de 2019
O galego prohibido e agora perseguido nas ciencias
Necesario comunicado de ProLingua sobre a persecución do ensino en galego:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario