Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 11 de marzo de 2019

Outra vez as linguas na campaña

por Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:

Anuncia Pablo Casado, presidente do Partido Popular, unha Lei de Linguas Oficiais para España. Unha Lei de Linguas Oficiais que poña a cada quen no seu sitio, supoñemos que quere dicir. Nas súas primeiras declaracións mete no mesmo caldeiro a cataláns, vascos, galegos e o que apareza. Seica o castelán, lingua primeira do Estado, lingua única na xurisdición de Ávila, que é a representación do deputado, está gravemente ameazado e debe recuperar urxentemente o lugar que lle corresponde. Aínda hai pouco que representantes de Ciudadanos, partido que pretende ocupar espazos de equidistancia na política española, denunciaban nas portas do Parlamento que o español estaba a piques de desaparecer en Galicia (sic), cuestión grave á que cumpría poñer remedio de inmediato. Vaiche boa! Escribo non como presidente da Real Academia Galega. A RAG, se ten que pronunciarse, xa se pronunciará. Escribo esta marea como cidadán. Escribo como pai que educou os seus fillos en galego, malia contextos urbanos certamente adversos, e a quen lle gustaría poder facer o mesmo cos seus netos. Escribo logo de ver como nos colexios de infantil e primaria das nosas aldeas, onde a lingua primeira é a lingua galega, os rapaciños e rapaciñas, que falan a lingua dos seus avós na casa, perden esa lingua e pásanse ao castelán porque a gran máquina mediática, a que impón os modelos dominantes, a publicidade, os debuxos animados, os videoxogos, as músicas, as modas no vestir, as películas da televisión, etc., falan exclusivamente ou moi maioritariamente (esmagadoramente) en castelán, e non hai xeito de introducir modelos propios de referencia no discurso da globalización. Non hai xeito porque tampouco se destinan recursos.
Escribo pensando nun país que reclama unha administración que o atenda na súa lingua (funcionarios que pagamos todos) e que no seu idioma comparta cos demais pobos de España e de Europa o proxecto da modernidade. Escribo nun país que poida acoller a xente sen ter que renunciar a si mesmo, compartindo o mellor tesouro que temos, a convivencia e a propia identidade, os nomes das cousas, a representación do mundo que herdamos dos avós e queremos transmitir aos netos. Escribo a prol dun país que supere séculos de abaixamento e poida continuar avanzando na historia, sen perder o que con tanto sacrificio e con tanta lealdade popular construíu. Estou a falar dun país (e mesmo dunha España) onde a diversidade sexa unha riqueza e unha declaración de principios, non unha concesión paternalista. Non somos un concurso de danzas rexionais. Estou a falar dunha lingua na universidade, na ciencia, no coñecemento, nas artes e na literatura, na comunicación e no dereito, na educación e no servizo á cidadanía. ¿Unha España diferente? Sen dúbida. Pero ou a construímos entre todos así, ou abofé que non será posible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario