Xosé Manuel Sánchez Rei, no Terra e Tempo:
O proceso de estandarización do galego, que principiou de modo institucional por volta de 1970, áchase na actualidade nun relativo estado de definición. A normativización centrouse na ortografía, na morfoloxía e algo menos na fonética, de forma que determinados aspectos doutras disciplinas gramaticais se encontran, no día de hoxe, sen propostas equivalentes de referencia, como é o caso da sintaxe. Neste ámbito, aínda que as persoas galegofalantes dispoñen xeralmente dunha serie de coñecementos que lles permite distinguiren o que é válido do que o non é ou do que é admisíbel ou tolerábel do que non se pode aceptar, a polivalencia de posibilidades é notábel. Hai que notar que a propia sintaxe favorece a existencia de diversas hipóteses de selección por parte do conxunto de utentes dunha lingua. Pensando en termos fonolóxicos, non se pode acrecentar nin diminuír o número de fonemas do idioma, nin, acudindo aos dominios da morfoloxía, tampouco seremos capaces de mudarmos a cifra das unidades morfemáticas flexionais do verbo. Mais na sintaxe, quen fala ou escribe escolle entre diferentes tipos de estruturas, pois a comunidade de falantes ten a posibilidade de producir, en número infinito, frases novas e comprensibeis ou repetir outras.
Partimos da base de que unha lingua como a galega partilla trazos sintácticos con outros idiomas no dominio da Romania por causas xenético-estruturais: a construción da frase nominal, a tendencia na orde de elementos clausais, as características xerais da transitividade, o proceso de transformación diatética, as regras de concordancia, o número máximo de elementos actanciais do verbo etc. Mais tamén é certo que existen características que a identifican hoxe en día inclusive a respecto doutras xeneticamente próximas: a colocación do clítico na secuencia clausal, a existencia do infintivo flexionado (IF) ou a ausencia xeral da marca preposicional co CD, entre outros. Tendo en conta tales elementos idiosincráticos, xorde a pregunta de se se poden, en certa medida, intuír ou mesmo medir as tendencias que están a vigorar na lingua ou que están a marcar as súas mudanzas na praxe diaria.Os trazos sintácticos que acabamos de sinalar (disposición dos clíticos, documentación do IF ou a común ausencia da preposición co CD) están hoxe en certa crise canto á súa sistematicidade e, tamén, mesmo no tocante ao seu uso, porque no seu lugar son moito máis recorrentes outras hipóteses de construción gramatical que coinciden co español. Xunto co léxico, a sintaxe tamén orientou diversos debates desde finais do século XIX en adiante, focados xustamente na procura dos elementos identitarios do idioma. Tal como hoxe, pensábase que a calidade lingüística tiña (e ten) necesariamente de pasar por un coidado exemplar da súa compoñente sintáctica e así é como foi demandado en varios traballos. Deste modo, xa en 1887 Aureliano J. Pereira, nun artigo intitulado “Academia gallega”, afirmaba nas páxinas da cabeceira Galicia. Revista Regional que a escrita en galego non respondía só á utilización de vocabulario galaico, mais que debía caracterizarse tamén pola estrutura, isto é, pola sintaxe: “séanos permitido consignar que para escribir en gallego, no basta emplear palabras gallegas; es preciso conservar la esencia, lo que es verdaderamente gallego; la estructura, la sintáxis, el giro, la propia forma literaria de nuestro idioma”. Máis un exemplo da preocupación polo emprego dos trazos sintácticos tradicionais do idioma é o que temos nesta mostra de Johan Vicente Viqueira, que, nunha conferencia proferida na Irmandade da Fala da Coruña que máis tarde sería publicada en 1918 n’A Nosa Terra, ponderaba a relevancia de a sintaxe ser debidamente observada: “Precisamos do mesmo geito estudos de sintaxis, sobre a maneira peculiar de formarmos as frases, que vai tan perdida”.A práctica exclusiva utilización de construcións sintácticas coincidentes co español lévanos a falarmos dun outro tipo de españolismos que escurece solucións galegas e distintas ás desa lingua. Viran representativas as palabras seguintes de Manuel García Blanco, tiradas do seu opúsculo Consideraciones sobre la decadencia y rehabilitación de la lengua gallega (1912), pois poñen de relevo a perda de enxebreza idiomática por esoutro tipo de influencia, moito na liña da procura dunha praxe lingüística de calidade; ao paso que apunta unha nota de carácter sociolingüístico referida á permisividade no uso do idioma, pondera como esa “licenza social” obriga a deixar na gaveta precisamente unha parte do que o identifica: “Hay quien tolera que se hable el gallego en determinadas circunstancias, mas sólo a condición de que sea un gallego modernista, sui géneris, limpio de sus voces más enxebres y características, de sus giros y modismos más peculiares, más tipicos” .Neste medios, un dos temas que máis estudos ten xerado na lingüística galego-portuguesa é o referente á disposición dos pronomes átonos no interior da cláusula, pois vén determinada tanto por causas morfosintácticas como por procesos de topicalización ou focalización dos constituíntes clausais. Ao mesmo tempo, a interiorización de como se coloca relativamente ao verbo constitúe unha das dificultades máis serias para as persoas neofalantes e máis conflituosas de seren correctamente apresas, en que, en primeiro lugar, ten de intervir a vontade de asimilación das regras e tendencias a través dos traballos especializados; en segundo lugar, precísase dunha praxe lingüística que conscientemente vaia mellorando o seu uso; e en terceiro lugar, requírese un ouvido atento a galegofalantes que neste asunto se poderían considerar modelares.Non é a nosa intención abordarmos aquí tan complexos temas, mais si facermos unha chamada de atención sobre a importancia que se concedeu en particular á correcta disposición dos pronomes átonos na vontade de conseguiren unha praxe lingüística autóctone; repárese, a este respecto, nas palabras de Manuel Lugrís Freire (Gramática do idioma galego, 1931), cando xa sinalaba que “bon uso e colocación dos pronomes na conversa ê o que dá mais enxebreza ao galego”. No entanto, Lugrís Freire non foi o primeiro en percibir a transcendencia que posúen as características sintácticas dos clíticos; así, convén lembrarmos a preclara atención de Saco Arce (Gramática gallega, 1868) cando, a tratar a disposición do pronome en relación co verbo, xa sinalaba a relevancia dunha colocación xenuína, nomeadamente no comezo do período sintáctico: “Estas delicadezas , en aparencia insignificantes, son las más duraderas en los idiomas. Un gallego fácilmente admitirá y mezclará con su lenguaje, como lo vemos todos los días, una porción de palabras castellanas, dándoles la inflexión del dialecto propio; mas no se doblegará nunca á empezar la frase, diciendo: Me colleron, Se chegou a min, en vez de colléronme, chegouse a min”. E, tratándose dunha cuestión central, non se torna estraño que o clérigo de Toén insistise nestas temas en máis ocasións: “ Las formas pronominales me, te, che, lle, se, o, a, os, as, nos, vos, lles, no ocupan nunca el primer lugar de la frase”.Outra das cuestións relativamente á colocación dos clíticos que salienta Saco Arce é a posibilidade da disposición a respecto dos infinitivos. Repárese por un momento nas seguintes cláusulas: (a) Para me falar, achegouse a min / (a’) Para falarme, achegouse a min; (b) De o faceres, faino agora / (b’) De facelo, faino agora. Entre as dúas posibilidades de construción, a linearidade que se vai facendo máis habitual corresponde aos segundos exemplos de (a’) e (b’), que coincide coa posibilidade do español moderno. Tornándomos ao maxisterio de Saco Arce, cómpre pormos en relevo que precisamente o que el percibía como máis xenuíno se identifica na realidade coa colocación tradicional, a mesma que, a noso ver, debería ser priorizada nunha praxe lingüística de calidade até para que o seu uso non desapareza definitivamente da lingua oral. Así o indicada o presbítero: “Cuando dichos pronombres van regidos por un infinitivo ó por un gerundio precedido de otro verbo, pueden colocarse ántes ó después de estos modos verbales, v. g.; Queren-os compor, ó queren compol-os, quieren componerlos; Andivo pra me roubar, ó pra roubarme, trabajó para robarme; Veño de ll’o dicir, vengo de decírselo […]. La primera construcción, sin embargo, es quizá mas castiza”.Relacionada intrinsecamente coa disposición do pronome átono na cláusula está o fenómeno coñecido como interpolación pronominal, que se define como a intercalación de un ou máis elementos tónicos entre o pronome proclítico e o verbo, conforme ilustran as mostras a seguir: (a) Para o así non facer, optou por chegar tarde ao exame; (b) Nunca lle a el comentaron o que acontecera naquel congreso; (c) Da terra en que me eu criei pouco fica xa. Corresponde actualmente a unha característica do sistema lingüístico galego-portugués, tratada na maior parte das gramáticas modernas como un recurso morfosintáctico opcional de grande eficacia expresiva e estilística. Documentado amplamente na lingua medieval en calquera tipoloxía de texto, o seu uso foi esmorecendo devagariño até chegarmos á época actual, en que, aínda se mantendo sobre todo na fala de persoas idosas, coñece unha atestación cada vez máis esporádica. Unha das causas da mingua na utilización actual parece apuntar cara ao español, lingua que na súa sincronía actual non tolera tales disposicións do pronome átono.Hoxe en día, a interpolación é percibida como unha das marcas da lingua de calidade en tanto que fenómeno característico que afianza unha praxe sintáctica máis auténtica. Mais tamén nas obras precursoras da nosa tradición gramatical contou cunha identificación positiva, como o demostran as palabras que lle dedicou Saco Arce na súa xa citada Gramática de 1868 ao subliñar que cando “se anteponen estas formas pronominales [os clíticos] al verbo, es muy elegante colocar entre aquellas y éste alguna que otra palabra, cosa que en castellano actual disonaría altamente”. No traballo de Santiago Gómez Filología de la lengua gallega (1918) fican cualificadas estas ordes como “trasposiciones muy frecuentes” e Carré Alvarellos, a través das siglas R. A., identificounas no seu Compendio de gramática galega (1919) cun “certo xeito” da lingua. Achámonos, pois, diante dun trazo morfosintáctico do galego que, se empregado dentro dos limites que sinala a gramática, pode ser eficaz non só como elemento diferenciador, mais tamén como unha rendíbel marca de estilo. Pensemos, ao mesmo tempo, que a interpolacón pronominal tamén se documenta nas variedades orais de galego populares e rurais, co cal os beneficios resultantes da súa práctica consciente tamén terían como consecuencia a dignificación e o aproveitamento dese tipo de rexistros.En definitivo, unha lingua de calidade ten na sintaxe un dos seus esteos máis roburentos. E, dentro dos dominios das estruturas sintácticas, a correcta colocación dos pronomes e a preferencia por determinadas construcións deles proporciona á praxe lingüística trazos idiosincráticos de notábel autenticidade, como ben souberon notar as persoas que en finais do século XIX e nos primordios da centuria seguinte deron os primeiros pasos nos estudos de gramática galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario