Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 1 de xullo de 2010

Lois Pereiro contra as almiñas da estadea

 por Fran P. Lorenzo, no Galicia Hoxe:
O meu ver, nin sequera a todopoderosa voz de Uxío Novoneyra foi quen, neste 2009, de remover a lousa sepulcral do Día das Letras Galegas, un festexo tan único e singular como exhausto e decadente. Quizais na vontade de revitalizar a data e dotala dunha ollada non haxiográfica nin filolóxica aniñe a decisión da Real Academia Galega de lle dedicar o vindeiro 17 de maio a Lois Pereiro e ao seu concentrado poético de doenza, rabia e amor de máis alá. Oxalá fora así.
Era eu un lector inexperto, máis do que agora, cando caeron nas miñas mans os dous compendios de versos, editado por Positivas –Poemas 1981/1991 e Poesía última de amor e enfermidade–, nos que se cifra a palabra do autor monfortino. Podo evocar perfectamente a sensación de transcendencia e rigor que me transmitiron aqueles dous libros. Andado o tempo, en moi poucas ocasións recoñecín, na poesía galega de hoxe, esa precisión e austeridade expresiva, esa concentración de pensamento. Pereiro é a negación daqueloutras/os poetas –tan comúns mesmo entre os membros da súa xeración–, para os que a poesía é pouco máis ca unha sucesión aquelada de palabras fermosas, galegueiras e evocadoras. Non sei se esa grandeza literaria –delimitada no tempo, como a de Manuel Antonio– é mérito abondo para recibir a homenaxe dos académicos. E se cadra nin esa é a cuestión.
Ocorre que o Día das Letras Galegas xa vén dando cumpridas mostras de esmorecemento como reactivo social. Sucede que hai parroquias no seo da rúa Tabernas que favorecen unha ou outra candidatura; e que hai eternos aspirantes, como Carvalho Calero, que espertan poucas ou ningunhas simpatías no seo da institución, principalmente pola súa defensa do reintegracionismo ortográfico.

Ben mirado o Día das Letras Galegas –o único concurso-oposición do mundo no que son mortos os que aspiran á praza–, é, fóra dun importante estímulo para o maltreito sector da edición, a representación máis gráfica das diversas forzas que conflúen nos poleiros das institucións culturais galegas: un xogo de mesa e estratexia, o Risk, o Cluedo, o Monopoly... Cada un xoga as súas cartas, cadaquén leva o seu defuntiño da man e divulga os seus méritos. Pero en realidade, ese soterrado combate que se libra unha vez ao ano –coa privilexiada asistencia dos medios de comunicación– é tan importante para os implicados como irrelevante para a gran masa social de cidadáns. E acho que ese desapego ten unha explicación.
O Día das Letras Galegas non alterou a súa fórmula desde os tempos nos que eu pintaba murais de cartolina co careto de Armando Cotarelo Valledor ou Francisca Herrera Garrido e copiaba os versos de Leiras Pulpeiro nun caderno cadriculado. A secuencia dos feitos é a que segue: debate-proclamación-debate-súpeto abrollar de expertólogos na figura de...-desembarco editorial nas librarías-unidades didácticas-congreso (se o hai)-suplementos e publicidades pagadas pola Xunta nos xornais-FERIADO! (praia ou manifestación)-sesión extraordinaria da RAG-lugares comúns institucionais/segunda defunción do autor/soterramento definitivo.

Lois Pereiro representa xustamente o contrario desta esclerose, principalmente porque a súa poesía segue a escintilar tan viva e tan furiosa como cando se publicou. Se a RAG logra extraer de Pereiro o extra de vida que precisa o Día das Letras, benvido sexa. Se non é así, agardo que a cerimonia da súa resurrección non o converta nunha almiña máis da estadea do 17 de maio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario