Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 16 de xuño de 2010

Lingua galega: memoria do noso

por Xosé González, presidente do foro Enrique Peinador, no Xornal de Galicia:
O que non queda escrito corre o risco de ser esquecido. Eses baleiros son aproveitados polos manipuladores dos feitos históricos para faceren interpretacións oportunistas, cando non para varreren pro domo sua. As apropiacións indebidas da propiedade intelectual son boa mostra desas perversidades na reconstrución da memoria. O asunto é botar terra sobre os auténticos protagonistas dalgúns feitos que, relevantes ou non, son en todo caso fitos importantes para o coñecemento do proceso histórico.
O remate do mes de maio, período do ano dedicado á exaltación da nosa cultura, pode ser unha boa ocasión para rememorarmos aspectos decisivos para a normalización da lingua galega no ámbito administrativo. Voume referir a catro deles que teñen a súa orixe remota na interpretación xurídica que fixera sobre o alcance da cooficialidade lingüística o ministro adxunto á Presidencia e catedrático de dereito administrativo Sebastián Martín- Retortillo, cando aínda non se promulgara ningunha das leis de normalización lingüística. Afirmaba o ministro que as linguas cooficiais terían validez de seu para a publicación de normas legais sen teren que ir acompañadas do texto castelán. Efectivamente o Boletín Oficial da Xunta de Galicia –o número 0 é do mes de nadal de 1978– editábase a dobre columna.
A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, que se constituíra formalmente en 1983 pero que viña funcionando embrionariamente con anterioridade, atopou nas argumentacións de Martín-Retortillo razóns para solicitar da Xunta de Galicia dúas edicións distintas: ­unha, integramente en galego, e outra menor en castelán, para distribuír fóra das nosas lindes. E iso aconteceu grazas ao protagonismo decisivo que un asociado noso tivo na construción da nova administración galega: Xosé Antón García Cotarelo, que por entón era o secretario xeral técnico da Vicepresidencia. Despois de moito insistir reunímonos Cotarelo, Xoaquín Monteagudo e un servidor nun coñecido restaurante situado nos aledaños do campus universitario e de alí saíu a decisión. O primeiro DOG redactado integramente en galego é o número 126, correspondente ao 3 de xullo de 1984. Unha decisión oportuna e de gran transcendencia para a regaleguización da Administración.
O seguinte obxectivo era facer outro tanto co Boletín Oficial do Parlamento de Galicia. Lembro o encontro co presidente da Cámara Galega: “Don Antonio” –inquerín–, “leu o DOG de hoxe?”. “Non –respondeume– que trae logo?”. “Léao”, díxenlle entregándollo. Pasou as páxinas e non se decatou de que estaba publicado totalmente en galego. Axiña que o descubriu, como se todo fose normal, ollando para min díxome: “Isto é moi importante”. Como eu calei e el non dicía nada, preguntoume se había outro motivo máis para a visita. “O que lle veño propor é que o Parlamento faga outro tanto co seu boletín”. “Acabáramos!”, exclamou. O Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, número 321 correspondente ao 15 de decembro de 1984, é o primeiro publicado unicamente en galego.
Con estes dous antecedentes acometemos outro de maior alcance: conseguir que o BOE se publicase nas catro linguas do Estado. Puxemos mans á obra e enviamos senllas propostas aos grupos parlamentarios do Congreso de Deputados e do Parlamento de Galicia. Así foi como naceron os suplementos mensuais do BOE con cadansúa edición en galego, euskera e catalán. O número 0, en galego, é do 15 de xuño de 1998.
Pero aínda hai máis neste labor de galeguismo silente, imaxinativo, sempre abríndolle novos horizontes a nosa lingua. Despois de catrocentos anos de proscrición, a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña ditaba unha sentenza en galego, a número 248 no rexistro de 1985. O seu relator fora o amigo Claudio Movilla. Gardo a copia e unha carta súa caligráfica na que me di: “Esperemos que nun próximo futuro o que agora é un acontecemento –que triste considerar isto como un acontecemento!– se convirta nunha rutina-”. Por certo, a sentenza refírese a un contencioso presentado por unha veciña de Redondela na que o Concello perdeu o preito. Velaquí algúns fitos históricos, apenas coñecidos, e que a historiografía da lingua galega debera rexistrar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario