Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
sábado, 26 de xuño de 2010
Anxo Lorenzo ten razón
Lendo no Galicia Hoxe:
"Os pais ou titores só teñen que responder á pregunta de cal é a lingua materna do seu fillo, non se lles pide a súa opinión sobre cal debe ser a lingua predominante na aula nin que se pronuncien sobre o idioma que ten que falar o profesor", indicou Lorenzo na comisión parlamentaria para responder á deputada do BNG Carme Adán. O cuestionario, reiteroulle, está encamiñado unicamente a "saber a lingua materna de cada neno".
Polo tanto, polo que di Anxo Lorenzo, da resposta que os pais den sobre cal é a lingua materna do seu fillo, non se determinará a lingua predominante na aula, nin se determinará a lingua que deberá usar o profesor. Pois fagámoslle caso ao secretario xeral de política lingüística, e no caso de que a resposta sexa maioritariamente "galego", impartamos aulas en galego para, "en primeiro lugar, manter o número de galegofalantes"; e se a resposta é maioritariamente "castelán", impartamos as aulas en galego para, "garantir a reprodución lingüística"
Continuamos a ler:
No caso concreto de Educación Infantil, segundo o secretario xeral, as previsións regulamentarias permanecen "igual" ca en 1995, baseándose nun modelo que recolla a lingua materna predominante tendo en conta a lingua do ámbito circundante.
"Isto garda evidentes similitudes co disposto no decreto 124/2007", evidenciou, aludindo así ao decreto aprobado polo bipartito.
Pois eu non podo facer outra cousa que darlle a razón ao señor Anxo Lorenzo, que el debe saber moito máis ca min do asunto, e se en Educación Infantil, o regulamento do chamado decreto de plurilingüismo é "igual" ao do 1995, ou con grandes similitudes ao do 2007, pois apliquemos, por exemplo este último que non xenerou polémica nin problemas de aplicación, e esquezámonos do decreto 79/2010 que non fixo ata o momento que provocar líos que polo que se ve son innecesarios.
Estamos plenamente de acordo co señor Lorenzo en que cando se trata dos neofalantes "é necesario desenvolver un discurso positivo que poña en valor o seu papel como usuarios e usuarias do galego”, polo que consideramos moi acaída, neste sentido, a supresíón da proba de galego na administración autonómica, ou as medidas do citado decreto que reduce a presencia do galego no ensino non universitario, ou que os dirixentes políticos da súa formación aproveiten todas as ocasións que teñen para proclamar que "si hablo en castellano es porque tengo la libertad de hacerlo y nadie me va a imponer hablar el gallego".
Concordamos co señor secretario en que a mellor forma de promocionar e extender o uso do galego e restrinxíndo éste e poñéndolle todas as trabas posibles.
E por último tamén coincidimos con el en que "unha das claves da recuperación está en garantir a reprodución lingüística, algo que é responsabilidade última dunha cidadanía informada, implicada e lingüisticamente dinamizada", polo que é moi necesario saber cal é a resposta á pregunta que se lle fai aos pais de nenos que ingresan en infantil, para evitar o seu contacto co galego. E a este respecto tamén consideramos moi positiva a medida de eliminar as liñas de galego en infantil, consistente na inmersión na aula en galego en contornos castelán-falantes e para aquelas familias que así o solicitaban.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario