Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 25 de xuño de 2010

Un curso "sen problemas"

Nova Escola Galega xa nos regalou este ano varios documentos moi ben realizados sobre o decreto cando aínda non era tal. Un deles foi a análise  titulada O PERIGO DA CONFORMACIÓN DE DÚAS SOCIEDADES EN RAZÓN DE LINGUA, o outro, unha excelente comparación entre os decretos do 1995, o do 2007, as Bases, e o Proxecto baixo o título  O "Borrador" para a lingua.
Desta volta Nova Escola Galega achéganos un lúcido documento sobre o caso "Abalar", a avaliación diagnóstica e, outra vez, sobre a lingua. O encabezamento do boletín reza: Remate dun curso "sen problemas"  .  Para abrir o apetito destacamos cinco retallos do documento:
1.Por primeira vez na democracia pónselle límites ao desenvolvemento da nosa lingua no marco escolar
2.Os esforzos realizados polas comunidades educativas de moitos centros escolares para normalizar a nosa lingua propia resultan agora un “exceso”
3.Na secundaria, e atendendo ao reparto de materias para ambas linguas que se concreta no novo decreto, a consecución do “equilibrio” en canto ao número de horas de docencia é, na práctica, imposible de conseguir.
4.Ademais, a norma aprobada fai desaparecer o idioma galego do ámbito científico-tecnolóxico, profundando nos prexuízos respecto da nosa lingua e ignorando o traballo realizado neste ámbito polo profesorado e as comunidades educativas, no marco do previsto no PXNLG que o goberno di respectar.
5. Un estudante pode pasar pola escola sen ter por que usar o idioma propio –máis aló da clase de lingua galega– co permiso da propia administración educativa, malia que o propio sistema escolar ten a obriga legal de desenvolver competencias lingüísticas nas dúas linguas oficiais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario