Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 9 de xuño de 2010

'Tratamos de normalizar a lingua na Xustiza'

Entrevista na Nosa Terra aos avogados Fernández Varela e Rodríguez Feixóo, unha pinga de orgullo do noso nun mar que vive de costas ao galego. U-lo o equilibrio no mundo xudicial?

Xosé Manuel Fernández Varela e Alberte Xulio Rodríguez Feixóo son socios fundadores da empresa de servizos xurídicos 'Foro Avogados Lugo SCP', que funciona dende o 1989 na cidade das Murallas. O seu despacho de avogados caracterizouse dende os seus inicios por empregar o galego dentro e fóra dos xulgados. Entre os moitos galardóns que teñen a título persoal e como socios deste bufete están o Premio Pedro González do Consello de Avogacía Galega e o Lois Peña Novo por este labor.
O galego é a lingua fundacional do seu despacho de avogados?
(Xosé Manuel) Sempre utilizamos o galego a nivel interno, cos nosos clientes, coa Administración e nos Xulgados.
Responde a algunha decisión?
(Alberte Xulio) É algo cosubstancial que está intimamente ligado á filosofía do despacho. Optamos polo noso idioma non porque sexa unha norma escrita, senón porque é a lingua natural de expresión nosa e dos nosos clientes. Malia que entre os catro socios fundadores da empresa había algún que non era galego, adaptouse perfectamente a esta filosofía que continuou até hoxe, con oito socios (letrados) e dous administrativos.
Sorprendeu hai dúas décadas que un despacho de avogados falara en galego?
(A.X.) Cos nosos clientes nunca tivemos o máis mínimo problema por cuestións do idioma. As consultas verbais e as respostas formais sempre as fixemos no idioma do país. Incluso con clientes que non son galegofalantes ou que son de fóra de Galiza. Eles saben que o resultado xurídico non vai depender do idioma utilizado no proceso, senón do bo facer do avogado. Nos xulgados, en casos moi excepcionais, hai unha minoría reticente ao galego, e, en xeral, notamos que moitos profesionais da avogacía se senten máis cómodos falando en español. Nos casos nos que coincidimos con xuíces de fóra, todo depende da ideoloxía que teñan: se son contrarios á normalización lingüística se lles nota, pero saben que é unha causa perdida.
Teñen que pedir servizo de tradución?
(X.M.) Normalmente non o fan, aínda que os grandes despachos de avogados de Madrid e Catalunya xa están afeitos e poden chegar a pedilo con carácter excepcional, pero sempre con bos modais para acomodarse ao idioma do demandante.
Ten vantaxes normalizar un despacho de avogados como o voso?
(A.X.) Tratamos de normalizar a lingua do país primeiro cos nosos clientes comunicándonos con eles na súa lingua habitual, que é o galego, porque se senten máis cómodos e mellora a comunicación. En segundo lugar, tratamos de normalizar a lingua na Administración de Xustiza, onde se usa o galego de xeito moi excepcional, se temos en conta que nin o un por cento das sentenzas se dita en galego.
É difícil exercer a avogacía en galego?
(A.X.) Durante moitos anos acompañaba todos os meus documentos cun texto final no que pedía que se redixira a resolución ou o proceso no seu conxunto en galego pero non me fixeron caso ningún. Sempre me dixeron que a tradución atrasaba o traballo. O que penso é que ningún dos gobernos da Xunta se tomou ningunha molestia para normalizar o idioma na Xustiza. Se temos en conta que todos os letrados da Xunta de Galicia utilizan o español, malia estar pagados por todos os galegos e defender os intereses da Administración galega, conclúo que a Xunta non fixo nin está a facer o máis mínimo esforzo. Os distintos conselleiros de Xustiza comprometéronse a mellorar e incluso se ten tratado o tema no Parlamento, pero na práctica todo segue igual. Que eu saiba ningún dos avogados da Xunta usa o galego nos xuízos. Como moito, a Administración emite algún informe en galego. É paradóxico, pero é así. Neste sentido teño que dicir que grazas a unha intervención miña no Parlamento hai máis dunha década fixéronse en galego as actas de conciliación do Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) porque até ese momento tamén se confeccionaban en español.
Animarían a outros avogados e empresarios a falar en galego?
(A.X.) Pareceríame unha falta de respecto terlle que dicir a un empresario que ten que usar a lingua propia do país para o seu traballo. Entendo que en Galiza o normal é falar en galego e cada un debería ser consciente da importancia de normalizar o uso da nosa lingua en todos os ámbitos da sociedade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario