Galiza co Galego, a iniciativa creada para pór en marcha unha rede de escolas de ensino en galego, conta con máis de 1.760 apoios, pouco máis dun ano despois de comezar a súa andaina. Francisco López preside a Comisión Promotora deste proxecto. Galicia Hoxe fíxolle a seguinte entrevista:
Xa están traballando as comisións pedagóxica, económica, social, organizativa e comunicativa. En que consiste o seu labor?
Polo momento, en recoller información, buscar apoios.
Tiveron xuntanzas coa CIG e STEG, e coas asociacións AS-PG e Nova Escola Galega. Prevén ademais reunirse con UGT, CCOO, a Mesa... Aínda non hai acordos concretos...
Non houbo tempo. Os sindicatos e asociacións ven as nosas propostas asumibles, pero teñen aínda que analizalas no eido orgánico.
O obxectivo principal é crear unha rede de ensino en galego, para alumnos e alumnas de 0 a 16 anos. Pero non é só iso: é que sexa un ensino laico, que preste especial atención á formación no respecto aos dereitos humanos e ao medio...
É unha idea que está aínda en desenvolvemento. Queremos un ensino en galego, laico, pluralista e democrático, para formar individuos libres e solidarios. O obxectivo prioritario é o ensino de 0 a 3 anos. Porque hoxe moitos rapaces xa non teñen avós que falen galego, nin aldea, os medios empregan o castelán agás excepcións, e pecháronse as galescolas.
Antes das galescolas, a única posibilidade para educar os nenos en galego, polo menos nas cidades, eran escolas infantís privadas como Raiola en Santiago...
Na Coruña está Andaina, en Vigo hai outra...e mais polo país das que non sabemos. Trátase de poñer o traballo en común, o feito e por facer, aproveitar as sinerxias de todos : escolas, asociacións..., non queremos elitismos nen exclusións, senón que haxa unha rede de escolas nas que o uso do galego sexa normal.
Tedes máis de 1.760 apoios. E o obxectivo é chegar a 3.000, para crear a primeira escola.
Si, cada unha das persoas que nos apoian fará unha achega de 100 a 200 euros. Así formaremos un fondo para garantir o funcionamento da escola.-Despois os gastos de mantemento asumiranos os usuarios-. Eu creo que imos ser máis de 3.000. A idea é ter a primeira escola para o 2011-2012.
En realidade xa existía unha iniciativa similar: Vogal, Viveiro e Observatório de Galescolas...
Nós non sabiamos nada deles, a verdade. O que queremos é aproveitar a base social que temos, de toda a xente que quere un ensino en galego. A nosa proposta non é minoritaria, nin teórica. O noso forte non é reivindicar, é actuar. No país hai xente que quere e está a traballar no ensino en galego, pero ten dificultades, polo entorno, ou polo que sexa, nós Galiza co Galego imos a garantir que a infancia teña dereito ao ensino en galego.
O decreto do galego actual copia o anterior en parte da súa redacción: di que o profesor debe usar a lingua predominante do alumnado. A diferenza é que co anterior decreto decidíase cal era esa lingua no claustro, segundo datos científicos, mentres que agora son só os pais os que decidirán. Ademais, o decreto do bipartito establecía un mínimo da metade en galego para os contornos castelán-falantes. Non era doado de levar á práctica, en ningún dos casos. Por outra banda, as galescolas prevían cumprir o decreto e o plan de normalización, que recomenda que nos ámbitos castelanfalantes se imparta polo menos un terzo do horario semanal en galego... Cal é a súa proposta?
A cuestión é que na actualidade non hai espazo para o ensino en galego, sobre todo de 0 a 3 anos. Hai centros privados nos que non se lles permite ás educadoras falar galego nin entre elas, por se as escoitan os nenos. E o que non pode ser é que mandes á gardería un neno galego-falante e che veña falando só en castelán. O que nós queremos, para as nosas escolas, é que sexa de uso común o galego. Certo que a diferenza co decreto do bipartito é que en lugar de terse en conta o criterio dos profesionais, os datos, o determinante son os prexuízos.
A lei avala a existencia dun sistema paralelo ao oficial de escolas na lingua propia, -os tribunais déronlle o visto e prace ao modelo das ikastolas, por exemplo-. A tan enganosa enquisa aos pais revelaba que un 20 por cento querían un ensino monolingüe en galego. Partir diso pode ser un comezo. Pero, ao mellor, de manterse isto o problema é que teremos un sistema público en castelán e un sistema privado paralelo en galego. Así, e paradoxalmente, teremos dous modelos separados, que é que quería Galicia Bilingüe...
De Galicia Bilingüe non quero nin falar, porque para min non existe. O que ten detrás é o PP, que é o PP de España en Galicia. Nós non queremos separar, coma eles, que o que queren é manter o predominio do castelán e excluír o galego. Os galegos somos bilingües. As solucións como as do monolingüismo en galego non son o noso debate. Hai propostas nacionalistas de máximos. Pero a nosa formulación é máis ben práctica, non hai impedimento legal para ter unhas escolas de 0 a 3 anos nas que o galego sexa a lingua vehicular. Nós non somos tampouco imitadores do sistema das ikastolas. Simplemente, coa galiña azul o que vai pasar é que o galego quedará marxinado. Os lingüicidas saben que se o galego se adquire dos 0 aos 3 anos, vaise manter, e o que queren non é iso, senón exterminalo. O noso obxectivo non é deixar de lado o sistema público, é reforzalo incluso. Porque se temos nenos que aprenderon en galego en educación infantil, cando cheguen ao sistema público os pais quererán que se lles siga ensinando en galego, e eles. Como se van a un centro privado: falarán galego...
Está demostrado ademais que aprender na lingua minorizada é o que garante o dominio das dúas, a minorizada e a hexemónica. Así pasou no sistema público vasco, coa opción de ensino co éuscaro como vehicular, e no catalán, coa inmersión en catalán...
Ademais se dominas dúas linguas desde pequeno, tes maior facilidade para aprender máis, e estás en vantaxe fronte aos monolingües.
Ningún comentario:
Publicar un comentario