Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 2 de xuño de 2010

'É inconcibíbel falar cos nosos clientes nun idioma diferente ao seu'

A Nosa Terra continúa a realizar un excelente labor na promoción e divulgación das empresas que usan o galego. Desta volta tócalle a  Dinahosting,unha empresa de Santiago de Compostela adicada a ofrecer servizos integrais da internet. Paulo Rodríguez, que dirixe o departamento de comunicación, destaca que a súa é a única empresa do sector que ofrece os seus servizos en todas as linguas oficiais do Estado. Parabéns a Dinahosting e tamén para A Nosa Terra.
De seguido reproducimos a entrevista que A Nosa Terra lle fixo a Paulo Rodríguez, responsábel de comunicación da empresa:
En Dinahosting sempre ofreceron os seus servizos e información en galego...
Sempre tivemos a versión integral en galego e castelán. Temos a versión en galego pola mesma razón pola que un cliente de Albacete necesita a versión en castelán: ofrecer o mellor servizo aos nosos clientes. Isto non responde a ningún tipo de decisión senón á lóxica. O raro sería non facelo así.
Ten vantaxes falar en varios idiomas?
A vantaxe que ten é que ofrecemos un servizo de calidade ao cliente. Expresarnos no mesmo idioma no que falan os nosos clientes facilítanos a comunicación con eles. Sería unha falta de respecto non facelo.
En cantas linguas falan en Dinahosting?
En seis. Galego, galego de Portugal, castelán, catalán, euskera, inglés e en breve tamén teremos os nosos servizos en francés.
Ademais dos aspectos técnicos de internet os idiomas son unha ferramenta fundamental na súa empresa?
Son unha ferramenta moi importante. De feito cada vez que introducimos un novo idioma traducimos todos os contidos, todas as ferramentas de xestión de cada usuario, a documentación e todo ao que poida ter acceso.
Cantas persoas teñen traballando neste departamento de atención ao cliente?
De 67 que somos, arredor de 12.
A comunicación interna e documentos de Dinahosting redáctanse en galego?
A lingua principal na empresa é o galego e as comunicacións públicas se teñen como público receptor ou destino Galiza facémolas en galego. Depende do destino das mensaxes. Pero a nivel interno todos os papeis, documentación e sinalítica están escritos en galego.
Animaría outras empresas a falar e vender en galego?
Para nós é inconcibíbel manter unha relación diaria cos nosos clientes nun idioma diferente ao que utilizan habitualmente. O primeiro paso para chegar e contactar co cliente é falar na súa lingua porque, fundamentalmente facilita a comunicación e crea unha afinidade co noso proxecto.

'No galego temos un valor diferencial dentro da globalidade'
É o galego unha lingua apta para o mundo empresarial?
Entendemos que na globalización para acceder aos contidos é fundamental aprender e innovar, pero tamén temos claro que para vender máis aló das nosas fronteiras o máis difícil no mercado é identificar o produto de cada quen no mercado. E nós temos no galego un valor diferencial e identificativo, un valor en si mesmo que ten unha finalidade no mercado e que moitas veces se perde de vista e non se ten en conta: o galego serve como elemento diferenciador na globalización.

Ningún comentario:

Publicar un comentario