Dende cando etiquetan en galego?
Dende sempre e con total normalidade. Na Adega Durán dende a súa creación, no ano 1989, e en Terra de Asorei tamén, dende a súa fundación hai tres anos.
Por que tomaron esta decisión?
Estamos convencidos de que o viño é un instrumento máis para dar a coñecer a nosa cultura dentro e fóra de Galiza. É un produto que leva detrás todo un concepto e modo de entender a vida e o mundo que é o noso.
A onde se exportan os caldos destas dúas adegas?
A marca Vento Mareiro, que ten unha produción limitada de aproximadamente 30.000 botellas por colleita, vendémolo en Galiza e en puntos do Estado como Cataluña, Baleares, Asturias, Valencia e Alacante, e tamén a través da internet. No caso de Terra de Asorei, cunha produción moito máis extensa, polo momento estamos no mercado local e estatal, a onde exportamos máis da metade da produción. Agora estamos a traballar na apertura de novos mercados no exterior e xa temos contactos en México, Alemaña e estamos pendentes de entrar no Xapón.
Supuxo algún contratempo a etiquetaxe para vender fóra de Galiza os seus viños?
Para nada. É máis, en Catalunya, por exemplo, os nosos distribuidores agradeceron que estiveran escritas en galego porque da máis autenticidade ao viño e a súa orixe.
Ten vantaxes ou inconvenientes etiquetar en galego?
Nin unha cousa nin a outra. Nós optamos por esta vía con normalidade, sen darlle bombo pero tampouco o ocultamos. Cremos que o noso é un bo produto, equilibrado no que a relación calidade-prezo se refire, e traballamos para que o cliente identifique os nosos viños coa calidade, a zona na que se produce e as persoas que o elaboran.
Animaría outros empresarios a falar e vender en galego?
O natural en Galiza é etiquetar en galego. De cara ao exterior a etiquetaxe en galego é un valor engadido de autenticidade e personalidade para o produto. Gustaríame engadir que os cidadáns deberían ter esa sensibilidade para darlles unha oportunidade ás empresas que se expresan en galego e que, como a nosa, practican unha filosofía de traballo que respecta a orixe do produto e as persoas que o fan, que no caso do viño forma parte dunha forma de entender a vida, de dialogar, e de festexar que forma parte da nosa cultura. Con isto quero dicir que a etiquetaxe en galego debería aceptarse como algo natural, e como un elemento que axuda ao consumidor a identificar o produto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario