Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 11 de xuño de 2010

Unha sanción por desobeder o decreto do ensino poderíase impugnar por ilegal

Luís Villares, o maxistrado da Fonsagrada participará no V Congreso de AGAPEMA (Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática que se celebrará os días 25 e 26 de xuño no IES Sofía Casanova de Ferrol. E que fai un xuiz nun congreso de profesores de matemáticas? Pois todo o mundo debería sabelo xa, explicarlle a eses profesores que poden e deben impartir as súas aulas en galego.
De radiofusion.eu sacamos o seguinte artigo:

“Dou e darei as miñas clases en galego” dicía o texto do alegato asinado por máis de 4.500 profesores de toda Galicia que foi entregado no Rexistro Xeral da Xunta manifestando o seu compromiso de empregar a lingua galega no exercicio da súa docencia malia o que establecese o decreto do plurilingüismo que preparaba a Xunta. Ese decreto é hoxe unha realidade e nel figura, entre outras cuestións, que a materia de Matemáticas impartirase, por decisión do Goberno, en lingua castelá. A Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática, AGAPEMA, organiza en Ferrol os días 25 e 26 deste mes o seu V Congreso. Entre as comunicacións previstas para esa cita, figura unha moi acaída para saber o que pode acontecer no vindeiro curso escolar. É a que presentará o xuíz, Luís Villares, baixo o título “Podemos dar as clases en galego?”. En Radiofusiòn explicou que si: “Non habería dificultade ningunha en que ante unha hipotética sanción derivada desa aplicación do regulamento se puidese impugnar a actuación por ilegal e declarala nula completamente”.

Sociedade • 06/06/2010 • Autor: M. A.
Teimar en impartir as materias en idioma galego non é “rebeldía”, en todo caso unha “desobediencia”, precisa o xuíz titular d’A Fonsagrada. Requirido polo abeiro que a lei lles confire aos mestres que continúen a desenvolverse en clase como o facían baixo o decreto do ensino derrogado, Luís Villares explica: “A suxeción de todos ao ordenamento xurídico é ao seu conxunto, non unicamente ao decreto, que non convivé só, senón que está subordinado a leis que están por enriba como a de Normalización Lingüística e a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias”. O contido desas normas entra en contradición co decreto promovido pola Xunta dunha maneira que Villares cualifica como “aberta e groseira”. Xa que logo, lembra que “posto a escoller a que norma se somete un, as de rango superior teñen que ser observadas sobre as de rango inferiro cando estas contradicen ás outras, porque son nulas”.

“Teño reservas” avanza o xuíz sobre a posibilidade de que se lle abran expedientes sancionadores aos mestres que desobedezan o decreto. Non dubida en sinalar o decreto do plurilingüismo como “ilegal” e, así as cousas, “todos os actos que deriven de regulamentos ilegais son nulos de pleno dereito”. O maxistrado prognostica que se cadra non se chega esa situación se prosperan antes do inicio do curso os recursos presentados por diversos sindicatos e plataformas contra a norma da Consellaría de Educación. Nese caso, adianta Villares, “supenderíase provisionalmente a súa aplicación e continuaría en vigor o anterior decreto. Os tribunais poderían deixar o novo sen efecto transitoriamente e, se o declaran ilegal, o Goberno tería que facer outro”.
Verbo do plan da Xunta para promover unha reforma legal que permita realizar consultas aos pais e nais en Primaria e Secundaria sobre o idioma das materias e outros aspectos do ensino, Luís Villares é tallante: “Calquera que lea a sentenza do Tribunal Constitucional 337/94 entende que non pode ser así. Esa sentenza acabou cun debate semellante en Cataluña nos anos 90”. “Non hai lei que poida facer abdicar ao Executivo autonómico do seu deber de decidir a configuración curricular a favor dunha suposta elección paterna ou materna”. “A regulación dese contido entraría no corazón mesmo do dereito a educación e debera ser regulado por lei orgánica. A Xunta non ten competencia para iso”, resolve.
Vía Ciberirmandade da fala
Por se alguén non pode ir a Ferrol a escoitar ao xuiz Luis Villares, deixamos aquí este vídeo, no que o xuiz debulla o que seguramente serán os argumentos da Mesa Redonda na que participará no Congreso de AGAPEMA.

Luís Villares from Queremos Galego on Vimeo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario