Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 3 de xuño de 2010

Na construción: UGT, CCOO e patronal contra o galego

Extraído da Ciberirmandade da Fala:
CIG-Servizos rexeitou asinar o Convenio de Comercio de Materiais de Construción da provincia de Pontevedra despois de que a asociación de empresarios do sector e as centrais CCOO e UGT se negasen a firmar o documento en galego aducindo que se trataba dun “capricho” dos representantes do sindicato nacionalista.
O desencontro produciuse despois de que todas as partes tivesen xa consensuado un preacordo que levaba anos sen acadarse pola negativa da CIG a aceptar determinadas condicións laborais. Os representantes da central recibiron o documento para revisar comprobaron que viña redactado en español, polo que trasladaron aos demais a necesidade de corrixir esta anomalía. Para a súa sorpresa, a patronal declinou o pasado xoves 27 de maio modificar o documento, actitude que foi secundada por CCOO e UGT.O apoio das dúas centrais españolas permitirá a entrada en vigor dun convenio que conculca os dereitos lingüísticos das traballadoras e traballadores galegos.
Dende a Secretaría Comarcal da CIG-Servizos cualifican de inaceptábel a postura da patronal -organizada na Asociación de Empresarios de Materiales para la Construción (Asemaco)-, acúsana de rexeitar o noso idioma con actitudes tipicamente fascistas e lembran que este tipo de feitos non se rexistran dende a Transición española. A súa responsábel, María do Tránsito Fernández, incide en que “non podemos esquecer que a nosa lingua representa o noso pais e a nosa cultura, e non respectala significa discriminar o noso pobo”.
A dirixente comarcal salienta o feito de que incluso se asinan convenios no noso idioma con organizacións empresariais de fóra do país e sostén que a política do Partido Popular a respecto do galego “está facendo que os empresarios argumenten estas cousas sen importarlle a ofensa que fan á clase traballadora galega”, conclúe María do Tránsito Fernández.

Ningún comentario:

Publicar un comentario