Este post pode parecer que é sobre a infografía dunha web. Aos despistados xa lles aviso que trata sobre a política lingüística. Xa debería saber todo o mundo que o decreto 79/2010, o de restricción do uso do galego no ensino non universitario, elimina fradululentamente a palabra normalización do articulado e substitúea por dinamización. É unha ocultación ideolóxica da realidade, con ela preténdese dar a entender que o galego está plenamente normalizado, que non hai problemas para o seu uso na nosa sociedade cando, a realidade é xusto a contraria. Aínda diría máis, o decreto vai na dirección de obstruir o uso do galego, alén de ser ilegal pois unha lei de rango superior, a de Normalización Lingüística (a esta aínda non lle cambiaron o nome), estabecía a creación dos tan levados e traídos Equipos de Normalización nos centros de ensino.
Na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística teñen un lío montado que non se remexen. Hai pouco tiñan unha ligazón a un apartado chamado Equipos de Normalización. Agora cambiáronlle o rótulo polo de Equipos de Dinamización. Prememos e, que vemos?
Pois por unha banda, no cabeceiro infórmasenos que nos atopamos na páxina dos Equipos de Normalización, pero máis abaixo temos unha ligazón ás recomendacións para elaborar o proxecto de dinamización lingüística. E xusto debaixo disto aparece baixo o título de Coordinación dos ENDL (Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística) unha lista de ligazóns aos datos para poñerse en contacto cos coordinadores provinciais de normalización e dinamización.
Se premedes nestas últimas entradas veredes que os coordinadores que figuran son os que dimitiron, será porque os querían poñer a dinamitar, no canto de deixar que coordinaran os traballos de normalización.
Ningún comentario:
Publicar un comentario