polos Pais e Nais polo Ensino, en Galicia Hoxe
A Xunta aprobou, a pesar do rexeitamento da comunidade educativa, un novo decreto que, entre outros problemas, non garante que un neno ou unha nena poida recibir ningún ensino en galego na etapa de infantil.
Esta norma foi promulgada de forma unilateral, sen ter en conta a opinión de sindicatos, organizacións estudantís, asociacións de nais e pais, institucións culturais como a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, ou un informe de altísimo nivel xurídico do Consello Consultivo. Este último organismo advertiu á Xunta de que este decreto conculca dereitos na educación infantil.
Que un neno ou unha nena poida recibir ningún ensino na lingua propia até que faga os seis anos de idade é unha situación que non se produce en ningunha outra comunidade do Estado español e que leva o galego a unha situación preautonómica, alén de conculcar o dereito a un ensino igualitario e de calidade.
Por iso, nais, pais, titoras e titores de nenas e nenos na etapa de educación infantil que participamos na plataforma Queremos Galego, chamamos a:
En primeiro lugar, que, na consulta trampeada sobre "lingua materna", se responda "Galego". As familias falantes de castelán deben ser conscientes de que só respondendo así poderán apostar porque as súas fillas e os seus fillos aprendan tamén na lingua de Galiza.
En segundo lugar, animamos a todas as familias a que cubran o formulario promovido pola plataforma Queremos Galego para dirixirnos ao Conselleiro de Educación reclamándolles garantías para a educación en galego dos nosos fillos e das nosas fillas. Temos que subliñar que este documento está pensado para todas as familias que, falen galego ou castelán, desexen que o seu fillo ou a súa filla teña as garantías para unha educación en galego. Subliñamos isto porque o actual decreto non só dificulta que unha familia falante de galego poida ter ensino neste idioma para o seu fillo/a, senón que imposibilita que un neno dunha familia falante de castelán poida adquirir competencias comunicativas en galego.
Temos en consideración que a lingua galega é patrimonio de todas e todos e, por tanto, non só nosa e dos nosos fillos e das nosas fillas, senón tamén dos seus compañeiros e do profesorado. O esforzo especial que se faga desde a escola en favor da nosa lingua propia perseguirá un beneficio colectivo e non individual.
Ningún comentario:
Publicar un comentario