Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
domingo, 6 de xuño de 2010
Restrinxindo
A Nosa Terra tamén entrevista a Anxo Lorenzo, secretario xeral de política lingüística. Non di nada novo, as mentiras son as de sempre. Cada palabra que solta pola boca é un insulto á intelixencia, á verdade e ao galego.
Deixamos aquí a entrevista, só por sermos recolectores de todo o que teña que ver coa política lingüística, non porque aporte nada novo. De paso comentamos algúns aspectos
En vista do texto e de todo o traballo realizado, non era máis doado reformar o anterior decreto?
O máis fácil era volver ao do 95. Ao final percorremos un camiño de moitos meses que levou a un punto que representa o que a maioría da sociedade quere, onde restrinximos o galego e o castelán, onde incorporamos as linguas estranxeiras, damos voz ás familias e promovemos o galego. Un punto de encontro para pechar o debate e dedicarnos a outras cousas que tamén son moi importantes.
Efectivamente, para acadar un suficiente nível de galego e castelán, no decreto "restrinximos o galego e o castelán". Cóllese antes a un mentireiro que a un coxo.
Tendo en conta que as aulas ou ben se imparten en galego, ou ben en castelán, se restrinximos as dúas,... o decreto ese que decreta? a redución de horas de clase?.
A xustificación do decreto é a consulta realizada aos pais, que non cumpre requisito legal ningún, como se explica isto?
Foi absolutamente legal. Houbo un sindicato que en xuño interpuxo un recurso contra esa consulta e que pediu medidas cautelares de paralización ás que se negaron os xulgados. A semana pasada o Tribunal Superior desestimou o recurso. Coñecer a opinión das familias era unha promesa do PP. Esa consulta ofreceu uns resultados moi interesantes e mostrou unha tendencia que non vai na mesma dirección do decreto de 2007. Hai que casar a realidade coa promoción do galego.
Anxo Lorenzo fixo varios traballos sobre as enquisas aplicadas ao estudo sociolingüístico. El ben sabe que a trapallada feita o ano pasado a final de curso non pode chamarse enquisa. A recollida de datos foi absolutamente disparatada. Por poñer un exemplo, no noso centro, cunha matrícula de 500 alumnos, só se recolleron 50 cuestionarios. En segundo lugar, as preguntas xa determinaban completamente o resultado final. En terceiro lugar, Anxo Lorenzo fala dos resultados desa suposta enquisa. Onde están, que os viu? En cuarto lugar, o proceso dos cuestionarios, serviu para fomentar o uso do galego ou para todo o contrario?
O sociólogo Fermín Bouza di que o énfase en respectar a situación sociolingüística de cada centro de ensino implica non facer nada para promover o galego.
Nos centros seguen a funcionar os equipos encargados da promoción do galego. Mantense a figura do coordinador da normalización co mesmo status e hai coordinación provincial e galega. Introducimos a potenciación do galego nas actividades académicas extra escolares e unha disposición adicional incorpora a avaliación do nivel de competencia lingüística. Todo iso sobre a base do equilibrio horario. Os que din que se pretende o exterminio do galego penso que deberían demostralo.
Anxo Lorenzo sabe que o uso real do galego no ensino, co decreto do 2007 en vigor, andaba polo 35%, e sabe tamén que o seu decreto vai restrinxir esta porcentaxe. Tamén sabe que na universidade o uso do galego baixa ata un 10%, e aquí non predica equilibrio, ningún. Curioso.
Pensa que o equilibrio de linguas ao que alude o decreto cumpre a Lei de Normalización e a necesidade de reforzar o galego para equiparalo ao castelán?
A Lei de Normalización Lingüística fala de uso progresivo. Cando se redactou, en 1983, a presenza do galego na educación era mínima e tiña que incorporarse para igualarse co castelán. Por iso penso que o decreto cumpre coa lei. De todos os xeitos, se algún tribunal se opón, é algo que debemos aceptar, mais non vexo outra interpretación que non sexa estabelecer unha garantía de competencia en igualdade entre o galego e o castelán. Iso alcánzase co reparto horario, aínda que hai que ter en conta que obter esa competencia non é facultade exclusiva do ensino, tamén están as familias e a sociedade. Existe garantía de competencia en galego e hai promoción da lingua.
Está claro que Anxo Lorenzo pretende forzar as leis todo o posible con tal de restrinxir a presenza do galego, senón, que sentido ten redactar o primeiro decreto que diminúe a respecto dos anteriores o uso do galego no ensino? E ben sabe que con este decreto nin hai gartía de competencia en galego nin hai promoción da lingua galega. A menos que entendamos que se promociona restrinxindo, claro.
Mais, por exemplo, do texto extráese que apenas se empregará o galego no bacharelato tecnolóxico. Como se salvará este inconveniente?
O decreto estabelece que de tres a seis anos a educación é bilingüe a partir da lingua materna predominante, que é o que di a Lei de Normalización; de seis a dezaseis, equilibrio e adquisición plena de competencias lingüísticas e de dezaseis a dezaoito, oferta equilibrada de materias nos bacharelatos e na formación profesional. Os centros deberán organizarse para que se garanta esa adquisición.
Un dos argumentos esgrimidos contra o decreto do 2007, lembrémolo, era que xenerara unha grande contestación social, que na realidade eran tres queixas de tres pais zunantes. O suposto equilibrio, xunto con toda a propaganda en contra da extensión do uso do galego que se fixo neste último ano vai levar a un conflito de grandes proporcións o curso que vén. Para organizármonos frente ás previsibles consecuencias dese conflito vai haber unha reunión de profesores de ciencias o vindeiro día 18 de xuño en Santiago. Xa falaremos diso.
Etiquetas:
Anxo Lorenzo,
cousas,
decreto,
Entrevista
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario