por Marcos Abalde Covelo, en Vieiros:
Durante o século XX viuse moi minguada tanto a cantidade das persoas galegofalantes (ruptura interxeracional) como a propia calidade do galego (hibridación). Na sociedade nada é natural nin espontáneo. Só un uso brutal da violencia simbólica e física puido provocar semellante asimilación lingüística. A migración masiva ás cidades acelerou este proceso que aínda hoxe é lexítimo por unha idea forza fundamental: todo galego é un mal galego. Se é estándar porque é un galego da tele, inventado, de libro. Se é dialectal porque é un galego de cortello, castrapo, de pailáns. Para boa parte da mocidade, a inmersión no castelán é case total por causa da diglosia familiar, do ensino e dos medios de comunicación. O noso pobo ten un trauma coa lingua, mais calquera trauma é unha posibilidade de crecemento. Acabarmos co racismo lingüístico será a única maneira de o superarmos.
Neste contexto, todos e todas deberiámonos considerar neofalantes e neoescribintes, independentemente da idade de (re)instalación no galego, pois o fulcral é racharmos co apartheid, acrecentarmos os usos do idioma e así restituírmos a dignidade colectiva. «Para os neofalantes que ceibarán Mátrix», deste modo dedicaba O’Leo un dos textiños do seu libro Hai cu. A persoa neofalante como construtora da súa propia historia lingüística, non como vítima. A persoa neofalante consciente, dignificad(or)a, que ultrapasa a diglosia. Cómpre esforzo, seguranza e estudo dun idioma de calidade non subordinado ao castelán e libre da miopía imposta polas fronteiras do Estado. Canto podemos gozar cos produtos culturais de países galegófonos como Portugal ou Brasil!
A xente nova non fala na lingua das nais; fala, canta, ri, ama na lingua das amizades. Na actualidade, non fai sentido subliñar a lingua materna. Acho moito máis importante asumirmos o galego como lingua fraterna, lingua que escollemos, das irmandades, dos irmáns e irmás galegas. Fan falta referentes que transmitan entusiasmo e animen a dar ese paso para adiante, pois o galego co mamarmos non chega.
Son moitos os preconceptos contra as persoas neofalantes e ningún contra as «neohablantes» de castelán. A estas últimas, ninguén as increpará polo seu mal castelán, nin por usaren un castelán pouco castizo, nin ninguén lles pedirá explicacións, nin lles preguntarán se pertencen a este ou aquel partido. Imaxinan que a súa lingua é neutra. Hai outra xente que quere erguer un muro entre galegofalantes e pensa que a falante inicial é unha falante de primeira, de pedigrí e a neofalante, unha de segunda, de palleiro. Esta idea nega a propia posibilidade da aprendizaxe e alias esquece que a proxenie dos e das neofalantes xa será falante inicial e, sen corromper ningunha esencia, dirá neopalabras tan fermosas como «vermello», «cadeira», «avó», «grazas» ou «portaluvas».
Esa teima das persoas neofalantes por empregaren unha lingua plena en todas as ocasións crea unha comunidade de (neo)falantes á súa volta. Elas están a protagonizar un proceso de descolonización que traza o retrato dunha nova Galiza, dona de si, sen complexos, libre. O propio Castelao, que con nove anos emigrou á Arxentina, volveu a Rianxo falando castelán. Será de adulto cando tome consciencia da situación da lingua e opte polo galego. Así é como se transforma a sociedade, como se deixa de obedecer e se comezan a tomar decisións, como a persoa pasa de ser un súbdito a ser un cidadán. O futuro do galego está no suburbio, no apartamento, na mocidade, nas e nos neofalantes. Como afirmaba Belén Regueira: «Galiza será neofalante ou non será».
*Este texto foi merecedor dun accésit no VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2010
Ningún comentario:
Publicar un comentario