É moi frecuente no ensino das matemáticas o uso dos exemplos para facer o estudo dunha propiedade ou incluso dun concepto.
Pensemos no que significa a idea de número. Cando nos primeiros anos de escolarización resolvemos problemas de artimética estamos identificando a utilidade dos números ao tempo que conformamos unha idea do que significan. Ao traballar coas divisións e os problemas de reparto (de tartas, de cartos, de produtos diversos), aprendemos a necesidade das fraccións e tamén ampliamos a nosa idea do que significan os núemeros. Outro tanto podemos dicir a respecto da resolución de problemas nos que aparecen débedas e precisamos da introdución dos negativos. En cada un destes pasos rexeneramos o concepto de número.
A historia demostrou que este método, consistente na análise de exemplos, é en moitos casos unha boa forma de proceder no estudo científico, e supoño que ninguén lle nega o seu valor didáctico.
Eu, como son un ignorante en sociolingüística e ademais estou moi confuso, decidín aplicar este modo de traballo a un concepto que non dou entendido: o da lingua materna. Pregunteime moitas veces polo seu significado e, por máis voltas que lle daba acababa escorregando e só concluía que ningunha das ideas que eu podía ter do que significaba iso da lingua materna me servía. Velaí vai o estudo que me permitiu achegarme a ese concepto.
Problema 1.
a) O pai fala en galego e a nai en castelán. Cal é a lingua materna do neno?
b) O pai fala en castelán e nai en galego. Cal é a lingua materna do neno?
c) Os pais falan en castelán pero están en Suiza. O neno está ao coidado dos avós que falan en galego. Cal é a lingua materna do neno?
d) Idem ao anterior pero co avó de Zamora, que aínda que leva trinta anos viviendo en Galicia nunca pronunciou unha palabra en galego. No entanto a avoa só fala nesta lingua. Cal é a lingua materna do neno?
Problema 2.
a) Os pais falan sempre en galego pero diríxense á filla en castelán. Cal é a lingua materna da nena?
b) A nai fálalle en sueco, o pai en galego, pero o neno está de luns a venres case todo o día cos avós que sendo galego-falantes sempre usan o castelán coa rapaza. Cal é a lingua materna da nena?
Problema 3.
a) Os pais fálalle normalmente en galego pero a nena pasa tres horas diarias vendo Clan TV (en español). Cal é a lingua materna da nena?
b) Os pais fálanlle en galego e como son lusistas só teñen na tele canles portuguesas. Cal é a lingua materna da nena?
Problema 4.
a) No caso dos pais lusistas do problema anterior resulta que o neno vai a unha escola infantil de cidade de ambiente castelán-falante que antes tiña unha liña en galego pero que cos novos tempos desapareceu polo que o ensino nesa escola é completamente en castelán. Cal é a lingua materna da nena?
b) Os pais chegaron de León hai 15 anos. El é veterinario e fala en galego fóra da casa. A nai só usa o castelán. Viven nunha vila na que a lingua máis usada é o galego, no entanto nos comercios úsase maioritariamente o castelán. Cal é a lingua materna da nena?
c) O neno aprendeu a falar en romanés e ten sete anos. Como quedou orfo foi adopatado por unha familia galego-falante. Na escola o ambiente é castelófono. Cal é a lingua materna do neno?
Solución: Da pregunta 1 deducimos que a lingua materna non é a da nai, pero tampouco a do pai nin a dos avós ou titores do neno. Polo tanto a lingua ambiental familiar non é a lingua materna.
Na pregunta 2 reafírmase as conclusións tiradas da pregunta 1 e ademais sácase que a lingua materna non é a lingua na que os pais ou familiares se dirixen ao rapaz.
Ao lermos a terceira pregunta decatámonos de que a lingua materna tampouco é a dos medios de comunicación.
Da cuarta pregunta extraemos a conclusión de que a lingua materna non é aquela na que aprendemos a falar, nin a lingua ambiental da sociedade na que vive o neno.
A conclusión é clara: iso da lingua materna non é un concepto, é un prexuízo.
A lingua materna, para min, é aquela na que unha persoa sendo cativa comeza a desenvolverse independentemente de que o pai sexa ruso ou suízo. É a lingua na que te crías e te sintes ti mesmo. Supoño que se trata dunha elección que escollemos dun xeito involuntario (aínda que se nos desenvolvemos nun medio no que en todos os ámbitos recibimos información nunha única lingua é evidente cal será a nosa lingua materna).
ResponderEliminarA verdade é que nunca me cuestionei o concepto de "lingua materna" coma ti o fas... será que eu sempre fun máis de letras ca de ciencias :P
Se é involuntario non hai elección. A cerna do asunto está en que ese presunto concepto está na lexislación que regula a lingua galega, e non o está para ben. Le isto: http://praza.gal/opinion/724/problemas-da-sentenca-do-tsxg-e-do-decreto-do-galego/
Eliminar