Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 8 de xuño de 2010

Cine en galego

Por fin unha boa noticia, publicada en Código Cero, e que reproducimos máis abaixo, parece ser que o cine galego vai ter, por fin, un pequeno espazo. Pero para poñer as cousas na súa xusta medida, tamén debemos coñecer como está a normalización nas salas de cinema noutros lugares, por exemplo, Cataluña.
Actualmente hai unha campaña da Plataforma per la Llengua que pretende asegurar o uso do catalán no 50% das proxeccións, isto é o equilibrio. Tratan de actuar contra o gremio de empresarios que está presionando para que fracase a anunciada lei do cinema en Cataluña. Unha das últimas queixas da plataforma centrábase en que non se estaban emitindo películas 3D en catalán. No entanto, a loita aquí en Galicia é que se chegue a proxectar nalgunha sala, nalgunha sesión, polo menos unha ducia de películas, as que sexan, en galego. Pois nesas andamos.
Velaí o prometido artigo:

O Goberno galego, a través do Consorcio Audiovisual de Galicia, vén de anunciar que para o vindeiro ano 2011, vai poñer a andar unha iniciativa que tanto aos afeccionados ao cine en xeral, como aos galego falantes en particular nos alegra especialmente, xa que prevé poñer en marcha un circuito alternativo de salas de cine públicas homologadas para a emisión de pezas audiovisuais na nosa língua. Así o explicou onte o secreterio xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, en resposta a unha pregunta formulada polo deputado do BNG Bieito Lobeira sobre a situación e as medidas previstas para o fomento do cinema en galego. Na súa intevención, Cabaleiro explicou que a Xunta prevé poñer en marcha un “circuíto de salas públicas” onde poidan emitirse de xeito aberto este tipo de películas que normalmente “acceden con dificultade” ás salas convencionais. Para isto, as salas de titularidade municipal ou privada, asinarían un convenio coa Xuntae recibirían a homologación do Ministerio de Cultura. Malia que no noso país podemos gabarnos de ter unha boa produción audiovisual e bastante apoio económico neste senso, aínda queda moito camiño por percorrer no tema da exhibición e iso é o que, precisamente, quere conseguir a Xunta con esta acción: envorcarse un pouco máis na exhibición retomando a esixencia do Plan Xeral de Normalización Lingüística que establece a proxección en salas de 10 películas anuais en galego. En concreto, Cabaleiro indicou que a Xunta vai asinar, durante a presente lexislatura, un convenio co sector da exhibición para reservar pantallas para a proxección de películas en galego, algo que sen embargo, “se realizará segundo a disposición presupostaria”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario