por X. H. R. Corcón, poeta e guionista, no Xornal de Galicia:
Vén a Real Academia Galega de designar a Lois Pereiro como o escritor ao que se dedicará o próximo 17 de Maio, e xa escoitei e lin varias voces que falan de valentía da RAG por este feito. Incluso algúns chegaron a dicir que non pensaban que existise Academia que fose quen de designar a Lois Pereiro para ser o homenaxeado o 17 de Maio. Fálase da súa actitude de poeta vangardista, que racha coa tradición poética do país, cualifícase de poeta urbano, ata de punk, e por todo iso, ademais de ser poeta de obra pouco extensa e por ter morto moi novo, pensan que tomar a decisión foi un acto inesperado e valente dos señores académicos.
Sei que estes comentarios están todos feitos dende a boa intención e movidos pola admiración a Lois Pereiro e pola súa condición de ser un poeta que ben podería encadrar no cualificativo de “maldito” ao xeito de Baudelaire, Rimbaud, Verlaine, Panero... e que por iso non resultará cómodo aos poderes establecidos, e nese sentido pensan que a Academia consagra a un “fóra de xogo” da poesía, e iso a fai valente.
Ben sei que esta nosa Academia é valente, e isto dende que accedeu á súa presidencia Francisco Fernández del Riego, continuando coa súa valente labor Xosé Ramón Barreiro e agora Xosé Luís Méndez Ferrín, pero é valente por defender no día a día a cultura propia do país que tantos embates con vocación aniquiladora ten que sufrir, e son valentes os señores académicos porque son todos eles, cada un na súa disciplina, homes e mulleres que escriben no idioma galego.
Lois Pereiro é antes que nada, antes que vangardista, urbano, punk ou maldito, un autor dunha obra poética dunha calidade de gran altura, iso que se pode cualificar de “alta poesía”, e por iso é merecedor de que durante un ano os galegos e galegos esteamos a pescudar na súa obra para coñecela o mellor posible, que é obriga nosa coñecer do mellor xeito do que sexamos capaces a obra dos escritores que se esforzaron por construír unha obra honesta e de altura no noso idioma. Creo que esta é unha das maiores achegas do 17 de maio cada ano, a posibilidade que abre de coñecer mellor a obra do autor galardoado.
Como autor dunha obra de calidade, sen cualificativo, o de calidade é o único cualificativo necesario, que Lois Pereiro sexa o designado polos académicos non debe sorprender a ninguén, nin sequera positivamente, é un feito inmerso na lóxica. Aínda que non se me escapa que non todos os académicos estarían de acordo, e seguro que os que defenderon a súa candidatura tiveron que esforzarse. Imaxino ao bo de Manolo Rivas nesta tarefa.
O ano de Lois Pereiro vai ser un gran ano para a poesía. Teño a certeza de que a divulgación da súa obra vai servir para gañar lectores para a poesía, e iso é sempre algo a celebrar. Lois vai gañar unha gran batalla despois da morte, a batalla de facer da sociedade galega unha sociedade un chisco máis poética. Ningunha alma sensible poderá resistirse a versos como: E por primeira vez / desde que souben / que aínda respiraba e seguía vivo / sei o que é sentir medo a non estalo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario