
Estoulle moi agradecido a D. Ramón Otero Predayo, quen sempre me tivo en grande consideración, incluso tiña unha copia da miña Carta Xeométrica en Trasalba. El dixo de min: “Fontán pintou a face de Galicia”. Efectivamente, esa foi a miña mellor e máis grande obra: a Carta Xeométrica de Galicia, o primeiro mapa feito no estado seguindo estritamente o método científico. Pasei 16 anos da miña vida adicado a este proxecto, con poucos medios e sen axudas institucionais, durante ese tempo percorrín toda Galicia a pé e a cabalo, medindo ángulos, distancias e presións baormétricas para determinar o máis exactamente posible a localicación de centos de puntos da nosa xeografía. Ninguén pode imaxinar as horasa que pasei facendo cálculos trigonométricos para comprobar que os resultados de todas esas medicións estaban ben veitos. Mais finalmente creo que o resultado pagaba a pena.
Por que fixen a Carta Xeométrica?, preguntarédesvos algúns de vós. Intentarei respondervos. Eu tamén fun procurador en Cortes e alí puxen o meu traballo a disposición do Reino para que se fixera unha ordenación do territorio con método científico. Como se van proxectar estradas ou ferrocarrís sen ter ben claro como é o territorio polo que se van construir? Supoño que non é necesario que vos explique que non me fixeron caso. Na altura establecérase a división territorial do estado en provincias e concellos e en Galicia, no canto de usar documentos como a miña Carta Xeométrica, primaron as prácticas caciquís. Os concellos delimitáronse segundo a zona de influencia do cacique de cada lugar. E así nos foi.
Se agora estou escribindo isto no teclado dun PC portátil é porque me acaba de suceder algo inesperado: resucitei. Curiosamente a resurrección chegoume da mesma maneira que a morte, de repente. E aínda que o lugar en que volvín á vida non é o mesmo que o da miña defunción, eu sinto na alma o mesmo que daquela. E aínda que a miña defunción foi nun balneario e agora volvo á vida nun panteón funerario, eu síntome aogra máis libre e con máis folgos que daquela. Será porque os compostos sulfurosos das augas do balneario máis que como benéficas medicinas actuaban en min como velenos demoníacos.
Nada máis sair do meu cadaleito atopei aquí mesmo, no Museo do Pobo Galego, unha reunión de profesores de ciencias que se xuntaron baixo un noble obxectivo: eles impartían as clases en galego e afirmaban que seguirían a facelo a pesar da implantación do funesto decreto 79/2010, o chamado de plurilingüismo. Mestureime entre eles e enseguida comprendín a razón da miña resurrección; xa sei o que vin facer aquí, a esta nova vida, e así o declaro:
“Eu, que apliquei a trigonometría á terra para facer o mapa de Galicia e, como a terra quere lingua, quero agora aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso mellor ben colectivo: o galego”
En Santiago, a 18 de xuño do 2010
Magnífico texto, Cibrán!
ResponderEliminarAbraço,
-celso