Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
martes, 29 de xuño de 2010
Outra de racismo lingüístico
por Alberte Ansede Estraviz, en Terra e Tempo:
O argumento central do PP para modificar a lexislación en materia lingüística foi sempre a de poñer fin á imposición do galego sobre unha maioría da poboación que tiña a expresa vontade de non "querelo". Polo tanto, se este era o argumento, a medida correctora do decreto anterior debería ser que, por fin, se posibilitase a escolla individual do idioma no que cada quen prefira recibir o ensino.
Mais afortunadamente, o movemento social en defensa da lingua encargouse de demostrar que o argumento non era máis que unha argucia e, pola outra parte, a realidade social e dos centros encargouse de inviabilizar en parte tal suposta escolla individual.
Agora ben, se o argumento da imposición non era máis que unha argucia, a medida da "liberdade de escolla" non era máis que unha coartada. E isto quedou outra vez ao descuberto cunha nova medida persecutoria contra o galego, xusto nun ámbito no que os pais/nais tiñan feito unha escolla favorábel ao noso idioma.
Desde hai catro anos existía a posibilidade de que os nenos e nenas de tres anos que se incorporaban á educación infantil se adscribisen a un grupo onde se impartisen as aulas totalmente en galego. A oferta era tremendamente limitada, pois afectaba tan só a 23 centros públicos en todo o país e a 19 concertados. Por outra parte, as condicións esixidas eran realmente restritivas: petición dos pais/nais, acordo do Consello Escolar, vontade do profesorado para impartir as aulas e reunir cando menos un grupo (25 alumnos/as). Esta oferta, pensada fundamentalmente para os contextos urbanos, era positiva, aínda que, insisto, insuficiente pois estaba lonxe de satisfacer as demandas de ensino en galego. Por certo, unha parte moi importante dos pais e nais destes escolares falan habitualmente en español, mais comprenden que para que os seus fillos/as saiban galego é imprescindíbel o recibiren a totalidade da docencia nesta lingua e así compensar o seu ambiente social e familiar español falante.
Non se detectara até o de agora ningún problema nestas liñas en galego. Aquí non se podía aducir "imposición" pois requeríase unha demanda expresa previa de pais e acordo da comunidade educativa. Tampouco supuña ningún custo especial para a Administración, pois esta xa retirara no curso pasado as axudas para a adquisición de material que establecera o goberno anterior.
Mais o goberno do PP non descansa na súa cruzada contra o galego e acaba de eliminar esta oferta practicando o racismo lingüístico contra o noso idioma. Unha eliminación que é simultánea a outras medidas -estas si con importante custo- como son a supresión dos libros de texto en galego cando aínda tiñan unha vixencia de dous anos, e a implantación inmediata dun terzo do ensino en inglés no tramo obrigatorio. Ou sexa, unha aplicación inmediata e apresurada do Decreto 79/2010 que supón incentivar aos pais e nais, profesorado e centros para que o ensino se imparta en inglés, español e galego a tempos iguais. O disparate académico e lingüístico desta medida, así como o apresuramento ao poñelo en marcha ben merece outra reflexión. Fagamos hoxe tan só algunhas preguntas:
No Estado español tamén se dá unha incentivación universal para instaurar o ensino plurilingüe no tramo obrigatorio? Na Europa Central desenvolvida promóvese a competencia nun idioma estranxeiro por unha vía semellante a esta ou con medidas específicas no ensino desas linguas? Os pais e nais, moi poucos por certo, que tiñan gran preocupación polo fracaso dos seus fillos ao recibiren as matemáticas en galego, poden agora ter máis garantías de éxito ao recibilas en inglés? Non choca este interese na promoción do inglés como lingua vehicular, co abandono na atención do ensino do inglés como materia específica? De verdade que hai alguén que se crea que ese ensino vai ser realmente en inglés e cunha calidade lingüística aceptábel? Pódese permitir un País como o noso, con case o 30% de fracaso escolar no ensino obrigatorio, introducir unha medida que aínda afondará máis nese fracaso? Nada se entende sen enmarcar o feito na tentativa do PP de ir eliminando os nosos sinais de identidade. No ano de Novoneyra, dicimos con el deste goberno: "Só loitou contra o seu pobo".
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario