Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 5 de xuño de 2010

'O decreto é malo para a prensa en galego'

A Nosa Terra entrevista a Xavier Cea, subdirector de Galicia Hoxe, quen acaba de ser escollido presidente da Asociación de Medios Escritos en Galego, que agrupa as principais cabeceiras, en papel e en formato dixital. As dificultades económicas e os desafíos para a lingua centran as reivindicacións do colectivo.
Cales son os principais retos hoxe en día da información en galego?
O momento non é doado, tendo en conta a crise económica, a perda de lectores e as dificultades que sempre tivo a prensa feita en galego. Cada vez é máis necesario asociarnos e procurar iniciativas comúns que favorezan un espazo comunicativo autónomo na nosa lingua.
Hai quen acusa a prensa galega de “querer vivir das subvencións”.
A Administración debe usar as axudas públicas para favorecer aqueles sectores produtivos con maiores dificultades para encontraren o seu lugar. Sendo como somos os medios en galego un factor esencial da normalización do galego, é lóxico que precisemos protección. Esas axudas deben permitirnos sobrevivir e poder construír nun tempo prudencial un espazo propio e independente no que competir como empresas privadas que somos. Ese é o noso principal fin e todos pelexamos por chegar canto antes a non depender de ninguén máis alá dos consumidores dos nosos produtos.
O sector editorial e a educación critican o recente Decreto do Ensino porque diminúe a presenza do galego no mercado. Que ocorrerá coa prensa?
O decreto aféctanos negativamente porque se queremos competir en igualdade de condicións coa prensa feita en castelán precisamos de lectores competentes en galego que poidan escoller libremente que produto satisfai mellor as súas demandas. Se no futuro esa competencia en lingua galega se ve diminuída, loxicamente o que nós escribimos chega en peores condicións ao consumidor final. Neste sentido, entendemos o novo modelo educativo como un franco paso atrás.

Ningún comentario:

Publicar un comentario