Sempre é grato ver como hai outros que opinan igual ca un.
por Xosé A. Perozo, en Galicia Hoxe:
Dixo Goya que os soños da razón producen monstros. Digo eu, parodiando o xenio, que os delirios dos políticos producen estupideces. Os monstros e as estupideces ás veces danse a man e mesmo producen mitos que nunca desexaron selo. Algo así acontece con ese gran comunicador galego chamado Xosé Manuel Piñeiro, que vai quedar nos anais da televisión autonómica como superpiñeiro e a quen os amigos o nomean co agarimoso diminutivo de "pi". Na pasada semana saltou a noticia do retorno de Piñeiro á programación de verán da TVG e unha veciña comentoume:
-¡Vaia, volve o río á súa canle! ¡Será que é verán e ten pouca auga a teuvegá!
-Pode -respondín sen dar máis corda ó comentario.
Para min é unha boa noticia o retorno de Piñeiro á pantalla porque el nunca marchou do imaxinario popular da nosa Galicia. Nun país no que non sobra ninguén é un desbarate prescindir dos bos profesionais por estúpidos e imaxinarios motivos, con sospeitosos selos ideolóxicos. O fenómeno Piñeiro na TVG é realmente curioso. Na última etapa dos gobernos de Fraga unha suposta corrente culta tratou de vincular este personaxe, xunto con Xosé Ramón Gayoso, coa imaxe daquel PPdeG decadente. Co cambio do Goberno, grises pensadores do bipartito decretaron a desaparición de ambos da pantalla. Por fortuna, a realidade e a profesionalidade dos dous comunicadores gañou a partida á estupidez.
Desaparecido o bipartito, os novos xestores da imaxe institucional volveron contra Piñeiro, para eles convertido na imaxe do Goberno derrotado, desterrando da programación un espazo diario no que o comunicador conseguía manter fronte á tele a media Galicia, cun esquema fresco, ameno, informativo e, mesmo, educativo. Piñeiro conseguira desprenderse do sambenito de simple presentador de concursos e programas populares, acadando o aplauso de sectores da cultura que antes o ignoraban. Desaparecido o programa os responsables da TVG non puxeron nada mellor no seu lugar. O termómetro da estupidez sectaria chegou á temperatura máis alta posible. Neste verán volveremos ver a Piñeiro presentando verbenas. Tanto ten o que faga porque o fará ben, pero é unha mágoa que este home teña que volver facer todo o camiño xa andado como un mítico peregrino. Polo menos volveu gañar a sensatez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario