Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 1 de xuño de 2010

O profesor de matemáticas

Continuamos a falar de impartir as clases de ciencias en galego.
Como sabedes, o novo Decreto 79/2010, ou Decreto do Plurilingüismo, exclúe o galego das áreas de matemáticas, física e tecnoloxía. Moitos docentes que imparten as súas aulas en galego dende hai dúas décadas poderán ser expedientados no curso que vén.

Eu falaba e escribía en castelán, sempre o fixera ata aquel luns.
Era o ano 1981, eu cursaba 1º de BUP e por primeira vez, despois de oito anos de escolarización íntegramente en castelán tiña un profesor que imartía as clases en galego. Era Ricardo, o profesor de matemáticas. Efectivamente, agás esta materia e a de lingua galega todas as demais continuaban a ser en castelán.
Lémbroo con perfecta claridade, sucedeu unha mañán de principios da semana, unha mañán de chuvia e frío. Na aula de 1ºB, ateigada con 40 alumnos, durante a clase de matemáticas entra un señor vestido con traxe e luvas. Eu nunca vira antes un home con luvas. Era o inspector, mantivo unha breve e inaudible conversa co profesor. Tan pronto marcha, Ricardo respira aliviado e confesa:
- Menos mal que non había nada escrito no encerado.
- E logo? ,-preguntámoslle
- Este xa lle abriu expediente a máis dun profesor por dar as clases en galego.
Eran os tempos do decreto de bilingüismo que impoñía tantas trabas ao uso do galego no ensino que, na práctica, era imposible que se impartisen aulas en galego sen incumprilo, como sucedía con Ricardo, o meu profesor de matemáticas.
Non o sabía aínda, pero eu ese día acaba de recibir a máis importante lección de sociolingüística da miña vida pois a partir desta escena decidín dúas cousas. Unha, que a partir daquel momento desenvolvería a miña vida en galego, e así o fixen. A segunda, que eu tamén sería profesor de matemáticas, non porque as matemáticas sexan unha ceincia especialmente interesante (en confianza, son bastante pesadas e só uns poucos disfrutamos algo delas), senón por amor ao galego.
Agora eu son o profesor de matemáticas e sei que co meu exemplo é posible que algún alumno meu comprenda o mesmo que eu comencei a entender hai 30 anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario