Xosé Manuel Piñeiro volve á TVG, por fin. A pena é que esta volta é da man dun programa que ten toda a pinta de ser unha enorme porquería, basta con lle botar un ollo á definición que a propia TVG dá deste esperpento: unha "auténtica verbena". Ben, o nome do programa xa o di todo: "Tantarantán".
O certo é que Piñeiro merecía outra cousa. E, primeiro aviso, estou a falar moi en serio. Eu non podo entender unha TVG sen Superpiñeiro. É un presentador áxil, con recursos e que sabe levar moi ben os programas que se chaman de variedades.
Algúns podedes pensar que nun blogue sobre normalización sobran este tipo de comentarios, que o que deberíamos poñer aquí serían recensións de libros máis ou menos sesudos, artigos,... Pero a maior parte do mundo non está con estas matrácolas. Quen non veu o Supermartes?, e non unha vez, senón ducias. Quen non quedou estomballado no sofá despois de comer, escoitando "Acompáñenos"? Ou é que me ides dicir que preferíades o "Tomate"?
Piñeiro ten un aquel. Demostrou sempre nos seus programas un coñecemento real de Galicia, sabía de todos os concellos, da orografía, de moreas de parroquias, das súas feiras. Con este coñecemento transmitía tamén cariño polo noso, e en definitiva, repecto polo galego. Velaquí o seu problema, un presentador da TVG que manifestou públicamente a defensa da lingua que usa, basta o seguinte parágrafo:
a miña estadía en Valencia, a principios dos setenta na Universidade de Cheste, fixo máis pola miña militancia no idioma que todos os lingüistas xuntos, cando convivindo con milleiros de rapaces de toda España vía como os cataláns, os valencianos e mesmo os asturianos falaban orgullosos entre sí nos seus idiomas propios ou nos seus dialectos; e pola contra os galegos tiñamos ese sentimento de ridículo aldeano se por casualidade se nos escapaba algunha expresión no idioma dos nosos pais.
O que vou escribir de seguido non é máis que unha intuición, polo que fago un segundo aviso: non teño a seguridade do que vou afirmar, pero tal e como foron e tal e como son as cousas, non entendería o sucedido doutra maneira. Se Piñeiro non está a presentar un programa de relevancia na televisión galega é precisamente polo que acabamos de comentar, polo seu respecto ao idioma de noso. Poderíamos dicir que Superpiñeiro foi a primeira víctima do decreto de plurilingüismo. As últimas foron os coordinadores de normalización, pero haberá máis, porque, xa o dixemos mil veces, esta política lingüística só pode aplicarse levando por diante todo o mímimamente decente que hai no país. Sabendo como é a zunia que nos goberna a ninguén lle pode quedar aínda a mínima dúbida de que as cousas teñen que ser así. Para refrescarlle a idea aos desmemoriados vou deixar aquí abaixo o vídeo que me saltou á mente cando leín a nova que estamos a comentar e que moi probablemente faría caer en desgracia a este mestre de presentadores. Trátase dun anaco do programa das tardes, "Acompáñame", no que Piñeiro destaca como defensor da nosa lingua e deixa peor que mal a un grupiño de xentes que desprezan a nosa lingua, entre os que se encontran parlamentarios (Rosa Díez), concelleiros (Carlos Negreira) , conselleiros (Alfonso Rueda) , que, eses sí, están en activo..... Xa vos vai tomando corpo a cousa?
Xa sabedes, Tantarantán, a bailar ao son dos zunantes.
Ola,
ResponderEliminarDescubrín o teu blog polas referencias que se fan ao novo programa que CTV prepara para a TVG "Tantarantán". O certo é que, sen ser coñecedor en primeira persoa da realidade, parece bastante verosímil que, efectivamente, a inmediata desaparición de Superpiñeiro da TVG fora causa do seu compromiso co idioma tantas veces reiterado. Agora ben, creo que antes de valorar un programa que se aveciña sería merecente velo. En todo caso, no artigo fanse algunhas presuncións partindo, mesmamente, do título, "Tantarantán". Será o propio Xosé Manuel Piñeiro o que explique a razón deste rótulo nun artigo publicado en "La Región" e no "Atlántico Diario" titulado: "Xil Ríos desde o Festival do Miño":
http://www.laregion.es/opinion/8621/
O certo é que se existe unha persoa que sempre se caracterizou por unha clara defensa non só da normalización do noso idioma senón da nosa terra en xeral foi o cantautor moañés Xil Ríos que, en sucesivas ocasións e por certas elites, foi relegado a un mero cantante folclórico, faltando así descaradamente á verdade pois quizais sexa un dos máis prolíficos compositores deste país se ao eido popular nos referimos: escomenzou con crítica social parello a Voces Ceibes e vén de sorprendernos cunha nunca vista mestura de sons caribeños e galegos nun máis que agardado "Son da Alma", logo do flok electrónico de "Vai e vén". No ano 1981 este músico publicaba -cando aínda pertencía a "Philips Fonogram"- O LP "Tan ta ran tan" que arrincaba coa pandeirada deste título e seguía non só con temas populares e de composición propia senón incluso cunha fermosa adaptación musical de Álvaro Cunqueiro. Unha homenaxe a este cantautor por parte de Superpiñeiro é a razón do título do programa e, polo tanto, partir de que "o título do programa xa o di todo" parécenme verbas que non son demasiado axeitadas ao contexto. Alén de todo, podería asegurar con relativa certeza que Superpiñeiro está ledo de conducir este novo programa do que desfrutaremos este verán.
Non se escatiman por algúns sectores críticas á figura de Superpiñeiro (algunhas mermáronse cando obtivo o apoio expreso da Vicepresidencia nacionalista (¡que superficiais somos!) e outras permanecen. Eu, como galeguista e defensor da miña nación, do meu país, nunca renegarei da figura de Superpiñeiro (¡faltaría máis!) pero endexamais porei en dúbida a contribución á nosa terra dunha palabra que popularizou un dos máis grandes artistas que deu esta terra e ao que eu admiro profundamente, o inmortal Xil Ríos.
Vaiche unha resposta:
ResponderEliminarhttp://cartaxeometrica.blogspot.com/2010/07/alma-galega.html
Grazas pola aportación.