O 8 de febreiro de 2009 a cidadanía de Santiago asistiu a unha protesta inédita na historia da democracia. Un grupo de persoas, convocadas pola asociación Galicia Bilingüe (GB), fixo ecoar consignas que abaixaban a dignidade da lingua galega e dos seus falantes. Os manifestantes non só clamaban contra os principais textos normativos que durante décadas veñen artellando a convivencia lingüística neste país –desde o Estatuto de Autonomía á Lei de Normalización a pasar polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento– senón que denunciaban a “opresión” sufrida polo castelán en Galicia. Non só. Falouse alí de “lingüicidio” e dunha pretendida “política impositiva” da administración galega, obrigada, por esas mesmas leis que os manifestantes deostaban, a defender a lingua propia de Galicia, que é o galego, segundo reza o artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía de Galicia.Aquela demostración de odio foi irresponsabelmente apoiada polo Partido Popular que, a un mes vista das Autonómicas de 2009, fixo seu o falso argumentario de GB e procurou votos nun caladoiro no que concorrían tamén destacados membros de Falange Española ou outros grupos sen representación na cámara galega, como UPyD.A protesta, malia todo, atraeu unha outra mobilización, a de decenas de activistas e integrantes de diferentes colectivos políticos, sociais e de defensa da lingua galega que quixeron denunciar, coa súa presenza, a mentira, a manipulación e a expresión de odio que aniñaba naquela parada. Moitos deles foron identificados –polo mero feito de falaren galego ou levaren carteis con lemas en defensa do noso idioma- e moitos outros agredidos verbalmente, por manifestantes e policías, ou brutalmente golpeados.Doce mulleres e homes que participaron na denuncia activa daquela impostura afrontan agora unha petición fiscal de 45 anos de cadea, acusados de desordes públicas e resistencia á autoridade, debendo encarar ademais sancións económicas que suman, no seu conxunto, máis de 30.000 euros. De que estamos a falar? Sete anos de cadea por defender a lingua galega dun ataque extremista..? Catro anos en prisión por se manifestar na rúa? Identificados e aldraxados por falaren galego..? Apreixados por berrar contra os que vulneran as normas de convivencia das que nos dotamos as galegas e os galegos..?Desde ProLingua queremos expresar a nosa total solidariedade coas encausadas e encausados do 8F e esixir a retirada de todos os cargos que a fiscalía lles apón a estas persoas convencidos de que o seu xuízo é un proceso político que converte os agredidos en agresores, que retrata o galego coma unha lingua imposta, e que subverte os termos dun suposto confrontamento lingüístico que só existe no ánimo duns poucos, xusto aqueles que reclamaban aquel 8-F “libertad para decidir” e que, ostentosamente, aldraxan unha lingua que, anque non queiran, tamén é a súa, porque é de todas e todos os cidadáns.O proceso ás mulleres e homes do 8-F inscríbese ademais nun momento de preocupante regresión nas liberdades fundamentais no estado español, liberdades que son convenientemente “moduladas” para impedir o dereito de manifestación ou de folga, e que están a levar diante dos xuíces a membros de sindicatos, asociacións de veciños ou de iniciativas globais como 15-M ou 25-S polo mero feito de se organizaren e tomaren a rúa para erguer as súas protestas. De permitirmos que isto aconteza, e este xuízo do 8-F é un chanzo máis nesa dirección, comprobaremos que palabras como liberdade ou democracia pasarán a perder para sempre o seu significado, en galego e en castelán
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
domingo, 21 de outubro de 2012
Comunicado de Prolingua en apoio dos procesados do 8-F
Despois do apoio recibido na rolda de prensa por parte do BNG e AGE, Prolingua tamén quer expresar a súa soliedariredade cos encausados por defender o galego frente á zunia.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario