Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 21 de outubro de 2012

O conflito lingüístico como o cerne das eleccións do 21-O


A Mesa pola Normalización Lingüística non se cansa de denunciar a exclusión que sofre por parte da TVG. Ningunha noticia, a falta de asistencia ás roldas de prensa, son o menú diario que a televisión galega ofrece á maior asociación cultural de Galicia e que ademais ten como fin principal a defensa da lingua galega, un obxectivo que debería compartir ao 100% a canle televisiva. Mais agora o presidente d´A Mesa xa non terá motivos para queixarse de non aparecer nas televisións autonómicas pois todos os galego puidemos velo o pasado venres 19/10/2012 no telexornal.... catalán da TV3.[minuto 25:22]
Con todo o máis impresionante deste vídeo [minuto 23:50 a 26:30] é a forma de tratar a noticia das eleccións do 21-O en Galicia. Despois de explicaren algunhas cuestións xerais centran o debate político na cuestión do conflito lingüístico. A reporteira introduce o tema con estas palabras: "un dos temas máis recurrentes e máis poléminos nesta campaña, alén da crise, estivo no tema da lingua e a cultura galegas". De seguido podemos ver unha pequena reportaxe na que uns nenos de 1º da ESO dun instituto d´A Estrada están a recibir unha clase de matemáticas en galego. Mesmo vemos que o material que usan é o do EDAD do Proxecto Descartes, tantas veces gabado pola súa calidade neste mesmo blogue e do que manteño unha ligazón permanente aquí mesmo, á dereita, desde o momento da súa publicación.
Alguén lembra ter visto unha reportaxe semellante a esta na TVG? Incluso máis, foi noticia nalgún momento o conflito lingüístico nos últimos anos ou, pola contra o ocultamento informativo, convertido en sinal de identidade da canle galega, disfraza a realidade devolvéndonos polos raios catódicos un retrato chocalleiro da sociedade? Esta manipulación informativa, estendida á xeneralidade dos medios é a principal causa de que non consideremos importante a situación da lingua galega. Na última enquisa do CIS só era considerada un tema de preocupación para un 0,6% da poboación. Tendo isto en conta conviña que avaliásemos o noso estado social desde certa distancia. Aínda que a información ofrecida nesta reportaxe da TV3 é necesariamente incompleta, acertan en establecer un diagnóstico sobre un futuro que para nós, os galegos, fica oculto. Queirámolo ou non,  no dia de hoxe, 21-O, estamos escollendo tamén entre dúas opcións: unha aplastante imposición do español e unha necesaria restauración da lingua galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario