Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes 23 outubro 2012

{GL} Wikipedia en galego

Un novo paso adiante de Prolingua que nos achegará unha colaboración mensual da man dos administradores da Galipedia:

O administrador da Galipedia co nome de usuario Toliño principia co presente artigo unha serie deles dedicada á Wikipedia en galego, un instrumento de cultura e lingua de enorme poder normalizador. Distintos administradores e usuarios activos da enciclopedia tratarán para ProLingua, cunha periodicidade mensual, os diversos aspectos da edición wiki, con opinión, claro, máis tamén con datos e con estatística interna que os máis de nós non coñecemos.***
Sobran as presentacións para a Wikipedia, a enciclopedia libre que calquera persoa pode editar. Este proxecto colaborativo realizado por voluntarios de todas as partes do mundo conta con versións en 275 linguas. Unha desas edicións é a Galipedia, a Wikipedia en galego.O 8 de marzo de 2003 naceu o noso proxecto e, nove anos e sete meses despois, conta con máis de 91.000 artigos na súa base de datos. O proxecto medra día a día coa colaboración dunha comunidade que traballa arreo sen descanso. Desde os 1.000 artigos creados durante o primeiro ano de existencia, ata eses mesmos 1.000 artigos que agora, de media, se crean cada mes.
Todo comezou cunha pequena comunidade emerxente que creu nas posibilidades do proxecto. Agora, a Galipedia axuda á difusión da lingua galega e alberga unha ampla base de coñecementos na nosa lingua. O funcionamento é ben doado: cadaquén escribe sobre aquilo que lle gusta, do que sabe ou mesmo traducindo páxinas doutras linguas. Unha vez publicado o material, o resto da comunidade pode modificalo, actualizalo e melloralo. Logo diso, todo ese traballo está á disposición de calquera persoa. E o máis reconfortante é ver que eses contidos son útiles aos outros.
Quizais ao primeiro é algo difícil entender o funcionamento do wiki. Ninguén nace aprendido! Pero para superar os problemas iniciais, existen varias páxinas de axuda que guían a través dos conceptos e normas máis básicos a ter en conta á hora de editar. O mellor xeito de iniciarse é ir aos poucos: facer pequenas modificacións, correccións da lingua e engadir algún dato nos artigos xa existentes. Máis adiante, crear un artigo desde cero será moito máis doado.
Un punto a favor de sermos unha comunidade pequena en comparación con outra Wikipedia máis grande é o ambiente familiar que temos internamente. Non obstante, isto ten dúas visións: por unha parte, os editores habituais coñecémonos e gardamos unha boa relación, pero pola outra banda, o proxecto é demasiado grande, é dicir, hai moito traballo por facer e poucas persoas para atendelo. Por iso sempre estamos encantados de dar a benvida aos novos.
Ademais do anterior, unha das principais carencias que temos e intentamos subsanar é a falta de mulleres colaboradoras. Por desgraza, este mal do que nós adoecemos é común a todas as wikipedias. Por iso a Fundación Wikimedia, a organización sen fins de lucro que mantén a Wikipedia, leva a cabo continuamente diversos plans estratéxicos co fin de aumentar a presenza feminina na Wikipedia. Este é tamén un dos obxectivos que nós buscamos cando realizamos charlas sobre a Galipedia, ademais de dar a coñecer o proxecto e ensinar os primeiros pasos ás persoas non iniciadas. Afortunadamente, nótase que o proxecto cada vez é máis coñecido pola xente. Tamén son cada vez máis as persoas que se animan a participar. Cabe salientar que por moi pequerrecha que poida ser unha corrección ortográfica nun artigo, esa acción é enormemente valiosa para a Galipedia.Os medios de comunicación galegos tamén se preocupan pola Galipedia. Proba diso é que axiña publican novas sobre os fitos que imos acadando. Van dando conta do noso número de artigos a medida que se van superado os 75.000, 80.000 ou 90.000 artigos, este último feito acontecido o pasado mes de setembro. Estas son outras maneiras de que nova xente chegue ao proxecto e, se cadra, se convirta en editora despois de descubrir esta fantástica ferramenta.Isto é un pequeno anaco desta biblioteca de coñecementos escrita en galego. Pero a Galipedia é moito máis. É tamén un medio para axudar á normalización do idioma e ao espallamento da cultura galega. Por iso, sempre que é posible, intentamos incluír unha perspectiva relacionada con Galicia nos nosos artigos. Por iso sempre destacamos un artigo sobre un tema de ámbito xeral e outro relacionado con Galicia na nosa páxina principal.Temos ao noso alcance este valioso tesouro que ben paga a pena conservar. Non si?

Ningún comentario:

Publicar un comentario