Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 24 de outubro de 2012

Etiquetas en galego

por Alfonso Vázquez Monxardín no diario ourensán La Región:

Se hai tres ideas espalladas que nos apoñen os de fóra, son que Galicia ten unhas paisaxes moi bonitas, que chove bastante e que a nosa gastronomía é excelente; non hai moito deseño no prato, escuma ou redución -Deo gratias- pero temos inmellorables produtos e tradicións, digo percebes, nécoras, pementos da Arnoia, viño de Monterrei, lacón con grelos, por dicir algo, pouco, que se digo moito xa teño o artigo solucionado cunha ristra de cousas que nos fan concordar ?poñer os corazóns xuntos, etimoloxamente- a todos mediante a activación colateral das glándulas salivares, se a lectura do xornal se fai, claro, contra horas finais da mañá.
¿Erguinme hoxe chauvinista? Non creo. Simplemente pensaba sobre esa campaña de promoción do etiquetado dos produtos en galego e do seu consumo. De partida, como me gusta ladear a cabeza e mirar as cousas de esguello deixando a mente en branco para que flúan, entren e saian, as ideas, pasoume unha fugaz: '¡Que parvada! Cada un que etiquete no que lle pete e que consuma outro tanto'. Pode ser unha forma de velo, claro. Pero non a miña, pois o biodisco duro da cabeza está para facer relacións evocativas entre o que temos alí pousado e as sensacións que nos producen as cousas que nos van entrando polos sentidos. Ou sexa, para pensar que é o mesmo que dar voltas ás cousas, sen se mover do sitio. Ou como diría o outro, para que a cabeciña non pare.

E pensei logo que é ben útil etiquetar en galego, por iso das asociacións de ideas. Explícome. Somos, digamos, de boa e arrechegada familia: a latina. E así nas mensaxes curtas, como as etiquetas, nunca se deixa de comprender o dito nas falas irmás. Ninguén deixa de entender, por exemplo 'Fundición dúctil Benito' nas tampas dos sumidoiros, nin se abstivo de beber un Moët&Chandon ou unha copiña de Ferreira, por falla de tradutor francés ou portugués para ler as etiquetas. ¿E por que? Porque coa cantidade de información que manexamos, as linguas non actúan como barreiras, senón como signos de evocación e identificación. Hai anuncios na televisión con textos e ás veces frases en inglés (varios deportivos), francés (perfumes), italiano (cafés e pastas), alemán (coches)... e non se nos encarrapichan as orellas, pois integramos sen máis esa asociación de identidade-lingua e produto-calidade.

¿Imaxinan o Dom Perignon, unha mostarda de Dijon ou un cocholate Cadbury etiquetado en castelán? ¿Va que non? Claro. As calidades teñen candansúa lingua. Os coches alemáns, os perfumes franceses, as pastas italianas.

E como a imaxe da calidade se ve reforzada pola lingua, non pecha, senón que abre portas a etiquetaxe en galego, por esa asunción universal que se establece da calidade dos produtos alimentares provenientes de Galicia que sinalaba ao principio destas liñas.
Simpaticemos, pois, coas etiquetas en galego. Afirman a calidade das nosas cousas. A nosa calidade. E isto vale para nós e para os de fóra de nós. Just do it.

Ningún comentario:

Publicar un comentario