por Marta Dacosta no Sermos Galiza:
Se vos preguntase a cada un de vós cal foi o voso mapa de Fontán particular, aquel que lle descubriu ao Adrián Solovio de Otero Pedrayo cal era a súa verdadeira identidade, moitas de vós diriades os versos de Rosalía: “pobre Galiza, non debes chamarte nunca española”. Outros dirían: “Galiza somos nós, a xente e máis a fala”, como escribiu Manuel María pensando nas nenas e os nenos das escolas galegas. Todas e todos mencionariamos o Sempre en Galiza, o irrebatíbel: “se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”.
A lingua e a literatura foi así, para moitas e moitos de nós, a almenara acendida que nos guiou até a nosa identidade e decidimos falala e defendela, porque si, porque nos peta.
Non hai ninguén que non saiba que é a lingua o elemento fulcral que nos conduce a tomar conciencia. Algúns sábeno tan ben que a converteron no único obxectivo a combater. Como un día fixeron ocultando as Actas Escuras, para que as palabras escénicas enfiadas por Vidal Bolaño non nos levasen á reflexión, para que non producisen o efecto pedagóxico que o teatro ten e chegasemos comprender que ocultan a nosa historia, que a manipulan e que a alteran para privarnos de coñecer, por exemplo, canto poder tivo a nosa terra con soberanía plena.
A súa urxencia ideolóxica en impedir que nos desenvolvamos como o que realmente somos, galegas e galegos, destruíu infraestrutura e postos de traballo que emanan da nosa actividade cultural, mentres malgastaban millóns e millóns en españolizar cos seus artistas de cabeceira.
A AELG acaba de facer público o manifesto Polo dereito a sermos escritoræs en lingua galega que remata coas seguintes palabras:
“... trasladamos á cidadanía a nosa preocupación polo progresivo deterioro tanto do prestixio social como do uso oral e escrito da nosa lingua, polo que lles rogamos que, á hora de decidiren a opción política que a vai representar durante os próximos catro anos, preste especial atención ás propostas e intencións ao respecto expresadas nos seus programas electorais.”
Son escritora, comecei escribir en galego aos 8 anos por causa da Gramática elemental do galego común de Carvalho Calero, foi a través da lingua que me identifiquei, por iso milito no BNG, por iso asumo representar a esta organización política e son candidata nestas eleccións, porque só co BNG poderemos manter viva a nosa lingua e, con ela, a nosa cultura e a nosa nación. Por todo iso pido o apoio para o BNG o vindeiro 21 de outubro.
(intervención realizada no acto Propostas para unha cultura galega viva, na praza do Toural en Compostela, o 13 de outubro)
Marta Dacosta.
Outubro 2012.
Ningún comentario:
Publicar un comentario