Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 15 de outubro de 2012

O galego, lingua tribal

por Francisco Borxa González Tenreiro, no Sermos Galiza:

Veño de ler un artigo dos académicos da Universidade de California, Stephen Chen e Qing Zhou, sobre o aspecto emocional dos cambios de rexistro lingüístico en contornas familiares onde se utiliza máis dunha lingua. Estes científicos chegan a unha conclusión que pode resultar, até certo punto, evidente para a maior parte dos membros reflexivos dunha sociedade diglósica como a galega: que a elección dunha ou outra lingua por parte dos pais, segundo as diversas situacións, xoga un papel fundamental no desenvolvemento emocional das súas crianzas.
Poñendo como exemplo unha hipotética parella finlandesa que utiliza o finés e o inglés, indistintamente, con predilección polo inglés á hora de compartir emocións cos seus fillos, os autores deducen que, durante o seu crecemento, os rapaces asociarán o idioma anglosaxón ao ámbito afectivo, identificándoo como a lingua vehicular máis probábel na transmisión de sentimentos. Isto quere dicir que, aínda que os nenos non estean en idade de falar, serán capaces de detectar estados de ira, ledicia ou tenrura nos seus proxenitores segundo a fala que utilicen.
De igual modo, se o finés é a lingua máis habitual nas súas interaccións persoais sen carga afectiva (educación regrada, negocios, administración...), os rapaces relacionarán o seu uso con conversacións máis formais e, desde o punto de vista dos sentimentos, superficiais.
O exemplo elixido para explicar este proceso dedutivo non é moi afortunado, ao resultar pouco críbel que unha familia finlandesa poida escoller a lingua allea, é dicir, o inglés, como lingua vehicular afectiva en detrimento do finés, que é tanto como dicir que os finlandeses se senten máis cómodos co inglés que coa súa lingua natural. Dificilmente podo imaxinar a un presidente Feijoonen invitando a todos os finlandeses a falar "como lles pete" a lingua finesa e a que se entreguen con dedicación obsesiva ao cultivo do inglés. Non, non o creo. Con todo, deixando a un lado este pequeno detalle, voume atrever a teorizar sobre as conclusións do estudo para poñelas en relación coa nosa contorna máis próxima.
Acho que no caso dun pai e unha nai de liñaxe galega que falen habitualmente cos seus fillos en castellano, logo dunha ruptura lingüística traumática coa xeración anterior, e que restrinxan o uso do galego á expresión puntual de emocións de contido afectivo (como o uso do diminutivo -iño, ou de palabras de forte contido emocional, como morriña, bico ou colo), a lingua menos utilizada será, aínda con todo, a máis suxestiva para a nena/o desde o punto de vista emocional, por moi marxinal que sexa o seu uso.
No seu desenvolvemento posterior como adulta/o, a invisibilidade da lingua galega en determinados contextos revestidos de seriedade polo uso social podería responder á desconfianza que desperta no inconsciente a presenza de suxeitos alleos ao clan, xa sexa nunha relación comercial, nun centro médico ou cando se recibe unha chamada telefónica. Non esquezo aquí, nin moito menos, a influenza do contexto institucional, onde é ben sabido que a imposición secular da lingua española determinou o seu status de lingua máis prestixiosa no imaxinario popular. Xustamente por iso, o castellano é considerado a lingua máis segura á hora de iniciar unha primeira conversa cun interlocutor descoñecido; tendencia que se agudizou no último lustro, onde as "maneiras" políticas do PP contribuíron, en grande medida, a estigmatizar ao galego-falante.
Con todo, este feito ten unha segunda lectura máis positiva, desde o punto de vista da reversibilidade do proceso de perda de galego-falantes: o galego revélase como o idioma de confianza, circunstancia que se acredita aínda desde perspectivas galegofóbicas, con expresións como a de lingua "de andar por casa". Ocultamos as nosas emocións co estraño falándolle en castellano e compartimos cos nosos estados anímicos coa axuda de palabras galegas. O galego reafírmase como lingua tribal, coesivo dun grupo diferenciado personificado no idioma que lle deu nome. Aínda que de xeito inconsciente e disolto no amor filial (e, sendo atrevidos, telúrico, se tivésemos tempo e espazo para estender a nosa análise á toponimia), este razonamento funcionaría mesmo no caso de galegos castellano-falantes, e seica tamén con aqueles que exteriorizan fortes prexuízos contra o galego. Por iso as palabras galegas que máis perviven no léxico dos castellano-falantes son as de contido afectivo, case sempre utilizadas para dirixir aprezo a familiares, amigos próximos ou mesmo a persoas ás que se pretende achegar ao círculo íntimo. Trátase (e isto ten unha importancia fundamental) do núcleo semántico máis importante de calquera lingua, o alicerce sobre o que se desenvolveu a comunicación humana. Mentres esa chama non se apague a lingua estará viva, aínda que só fiquen as brasas; a intensidade da súa lumieira dependedará da cantidade de leña que sexamos capaces de lle guindar.
Un reflexo fáctico desta teoría achámolo nas emocións de natureza fraternal que experimentamos cando lle ensinamos unha palabra galega a unha amizade estranxeira, sensacións que non estimula (ou, polo menos, con tanta intensidade) a ensinanza dun vocábulo castellano. O carácter de lingua tribal do galego acredítase igualmente nas manifestacións reivindicativas, onde a presenza da nosa lingua é dominante, aínda nas grandes cidades e en manifestacións onde a grande maioría da xente fala castellano de maneira habitual.
Por último, unha proba máis de que o galego é a lingua natural para a transmisión de emocións atopámola nas campañas electorais, onde até os partidos que incumpren sistematicamente as normas máis básicas de normalización lingüística, como o PP ou o PSOE, recorren ás propiedades suxestivas do idioma natural de Galiza para acadar unha maior complicidade co votante e facer máis críbeis as súas mensaxes. Estes dous partidos solicitan agora o voto "en galego", aínda que logo se permitan o luxo de ter responsábeis municipais de normalización que non o falan nin nos plenos; manda carallo botafumeiro, que dirían Los Limones...

Ningún comentario:

Publicar un comentario