Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 1 de marzo de 2025

A Compostela pola lingua


 por Marta Dacosta en Nós Diario:

 

Mentres escribo, sinto o cantar dos paxaros ao redor da casa. Ferreiriños, piscos, subeliños e papuxas altérnanse na orquestra que abre o día, mentres a campá da igrexa dá as horas. Distráenme. Porque atendo a como o seu canto cambia, ao amplo repertorio de notas, aos diferentes compases. E acabo pensando en que se estarán a dicir, que mudanza na mensaxe hai por baixo da melodía que escoito, se estes paxaros atlánticos cantarán do mesmo xeito cós seus parentes doutras latitudes e atrévome a dicir que non. Porque sei que entre outras especies animais comprobouse (despois de Castelao) que poderiamos dicir que usan diferentes linguaxes para se comunicaren. Rosalía intuíuno: "Din que non falan as plantas, nin as fontes, nin os paxaros, ... pero non é certo, pois sempre cando eu paso,/ de min murmuran e exclaman:/ -Aí vai a tola soñando".


Aquí chamámoslle poupa á bubela, coma ao sur do Miño, porque as nosas variantes dialectais, no léxico e na morfosintaxe, anuncian as formas que triunfaron descendendo pola costa atlántica. A poupa, tan común outrora, estivo ausente das nosas paisaxes durante algúns anos, posibelmente o abandono das leiras ou os pesticidas afastárona de nós. Mais nos últimos anos a primavera agasállanos co seu voo sincopado e a súa crista vistosa na súa erección de esperanza.


Esperanza á que nos aferramos e por iso sacamos á rúa a palabra de Rosalía cada aniversario do seu nacemento convocados pola AELG desde hai quince anos. Esperanza que traducimos en palabra reivindicativa e literaria como a de Marga do Val neste manifesto que cose versos e berros para chamar pola saúde que precisamos nós, "animais terrestres" desta "terra que camiñamos", nomeamos e pola que somos e seremos "Galiza, esa palabra que nos sinala"


Esperanza contra toda esperanza, gorxa a gorxa, man a man, desde a Alameda ao Obradoiro, no cento oitenta e oito aniversario da meniña gaiteira. Alí, no centro do universo, esixiremos a quen corresponde parar esta emerxencia lingüística.

Ningún comentario:

Publicar un comentario