por Xoán Antón Pérez Lema no Nós Diario:
Afirmarmos no galego como lingua propia, vital e útil, como este domingo 23-F fixeron ducias de milleiros claro que é facermos política. Outra cousa é que non sexa –nin haxa de ser– política partidista. Porque ocupar o espazo público e investir o tempo de lecer nun exercicio cidadán para nos afirmar no uso público da lingua de noso é un acto substancialmente político.
Como tamén foron políticos (e estes si partidistas) a malfadada e extremista demostración da Galicia Bilingüe do 1-F do 2009, na que Alfonso Rueda partillou presidencia con persoas tan amigas deste país como Rosa Díez (líder da disolta organización centralista UPD), a aprobación do Decreto da Xunta de plurilingüismo de 2010, a exclusión do deber de coñecer o galego, catalán e euskera como linguas cooficiais no Estado na Constitución vixente (1978) ou os centos de normas que obrigan a usar o castelán e dificultan vivirmos en galego na vida cotián.
Demostrou este grande evento na capital de Galicia que un sector moi activo e operante do país afírmase no galego como lingua vital, mentres as enquisas reflicten (canda a nidia vaga descendente no uso da nosa lingua, que constitúe unha evidente emerxencia lingüística) a favorábel actitude da maioría social galega a respecto do galego, sendo moi minoritaria a presenza de opinións contrarias á presenza maciza do galego na vida social, económica, cultural, deportiva, política e en todos os niveis da educación.
Semella, pois, que un sector importante da cidadanía galega non acredita no proceso de dinamización lingüística que a Xunta di querer desenvolver, a medio das equipas que coordina o académico Manuel González e na que partillan expertos de moita ciencia, experiencia e mérito. Mais a reacción do conselleiro responsábel da Lingua fronte esta demostración cívica semella querer voar as pontes ao alcumar de extremistas aos que concorreron este domingo en Compostela.
Até o de agora cómpre recoñecer que o PP tivo na sociedade civil e na oposición política unha actitude ben dialogante. No canto da defensa de posturas de máximos os distintos axentes sociais e políticos (BNG, PSdeG, sindicatos, RAG, Queremos Galego, ANPA, sindicatos do ensino...) chaman a atención sobre propostas de mínimos como a necesidade da actualización daquel Plan para a Normalización Lingüística aprobado pola unanimidade (PPdeG, BNG, PSdeG) do Parlamento de Galicia no 2004, a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias e máis a revisión substancial do Decreto de Plurilingüismo da Xunta do 2010. Mais semella que para o PPdeG non é posíbel o pacto pola lingua mesmo nin arredor deses mínimos.
Velaí que moitos dos que levamos meses defendendo a necesidade deste pacto pola lingua imos chegando á conclusión de que non vai ser posíbel. E de que o BNG, o PSdeG, os sindicatos, as ANPA e os axentes da sociedade civil non poden nin deben agardar indefinidamente pola Xunta para pactar estes mínimos esenciais e levalos adiante naqueles espazos das actividades empresariais, culturais, administrativas, deportivas, culturais e paraescolares nos que se poida influír, con nomeada atención sobre eses espazos urbanos nos que, ademais, a oposición ao PPdeG goberna nos concellos e mantén unha presenza importante na súa vida social.
Seica chegou a hora de dicir que por aí non se vai ben nin se vai quitar proveito ningún. E construír, tamén canto á dinamización e normalización do galego, unha alternativa que poida chegar, nomeadamente á Galicia á que máis urxente lle cómpre, que é a Galicia urbana.
Ningún comentario:
Publicar un comentario