Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 2 de marzo de 2025

Os discursos negacionistas da lingua galega


 por Goretti Sanmartín en Mundiario:

Milleiros de persoas ateigaron o 23 de febreiro as rúas de Compostela. Xente de todas as idades e procedencias, moita xente nova e multitude de crianzas acudiron á cita da Plataforma Queremos Galego para reivindicar o dereito ao uso do noso idioma. Fronte a esa marea humana de persoas conscientes da situación de emerxencia lingüística por que pasamos, sitúanse os negacionistas, as persoas que xulgan que todo vai ben, que segue os pasos programados.


Con maior ou menor consciencia do que acontece, para alén das políticas lingüísticas lingüicidas que desenvolveu o PP nas últimas décadas, e, por tanto, quen mente porque sabe moi ben do que estamos a falar, hai quen non ve o problema por situalo no ámbito do individual.


O presidente da Xunta continúa exhibindo cunha fachenda que roza o escándalo a idea de que ao galego non lle pasa nada, que está en igualdade de condicións e que el está por promovelo mais non por impoñelo. E el como será esa imposición? Falará de actos a que asiste con público galego e só galego mais onde o seu radar lle di que é mellor falar español? Se hai xente de certa clase, de certa simpatía co partido popular, para que esforzarse mesmo sabendo que o galego debera ser a lingua elixida? El será que elixir neses ambientes usar o galego é unha imposición? Mellor mostrarse tal cal é, co español como lingua de relación e de comunicación. A día de hoxe aínda ningunha das súas persoas colaboradoras soubo explicarme a causa desta escolla, por máis que sexa evidente. Cos que entende que son os seus pares en español, non vaia ser que o confundan. Conflito e escolla son palabras prohibidas fronte a liberdade e empatía, a única posíbel, cos que pensa que son os seus iguais. Evidentemente as persoas que falan ou falamos galegos son/somos menos iguais que o resto.


Outra actitude negacionista parte de quen fala galego no ámbito rural e grupos de familia e amizades, mais sen aspirar a que o noso idioma chegue ao mundo urbano nin a outros usos diferentes dos coloquiais. Aquí o máis relevante é o chamamento a unha compensación discriminatoria que procura eximir de responsabilidades quen mantén esta posición. “Se todas as persoas que o falamos continuamos a facelo aínda que só sexa no ámbito privado, o galego nunca desaparecerá. Sobre iso xa teorizou abondo Ricardo Carvalho Calero nos seus escritos sobre Sociolingüística ou Pilar García Negro ao salientar o abuso de adxectivos proteccionistas que encerran unha discriminación compensatoria: temos un tesouro que amamos…

Outra das actitudes negacionistas interpreta que o galego só pode ser usado por quen o tivo como primeira lingua, sempre que esa primeira lingua non sexa moi culta ou moi semellante a un idioma que mantén a súa esencia a pesar da deturpación a que leva sometido durante séculos. Neste relato, falar de “avoa” e non de “abuela” sería sospeitoso de quen quere un idioma libre de interferencias do español. Porque, no fondo, canto máis se pareza o galego ao castelán mellor, a ver se remata fundíndose nel. De aí que usen a Lei Paz Andrade como elemento para nos achegar a unha outra lingua existente no planeta, nunca como maneira de mellorarnos a nosa e achegala ás raíces do que somos.


Fronte estas posicións, Compostela ergueuse de orgullo e dignidade, toda a que posúen milleiros de persoas que loitan para que non se reduza o uso do galego a un uso folclórico e subalterno. As persoas que hoxe percorremos Compostela sabemos que queremos usar o noso idioma en todas as situacións, como calquera outra lingua do mundo, sen pedir permiso para empregala e sen mudar de idioma cada vez que alguén non a utiliza.


A lección que hoxe deu a poboación galega polas rúas da capital do país é a de quen sente orgullo do que somos. Existe país. Somos pobo. Pertencemos a esta tribo que ten vontade de continuidade no tempo. Sábeno ben aqueles e aquelas que nos atacan, que nos ridiculizan e minusvaloran. Porque se aínda somos galegas e galegos é por obra e graza do idioma. E porque non é cousa de chamar á guerra e desertar da bandeira que ela mesma, Rosalía, levantou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario