Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 21 de marzo de 2025

Manual de instrucións


 por Xabier Queipo no Nós Diario:

Comezarei por unha autocrítica, non estou certo se xusta ou inxusta, mais en calquera caso avaliación da conduta persoal, que considero cuestionábel. Descoñezo a autoridade moral que atesouro para falar de lingua, cando na miña instrución superior só se inclúen materias científicas, que me proporcionaron os meus títulos universitarios e a miña xa dilatada carreira profesional. Certo é que dende que caín do cabalo hai xa unha morea de anos, cultivei de xeito reiterado a lingua dos meus antepasados, que, no camiño, alguén se ocupara de traizoar. Mais non tendo formación en filoloxía nin en sociolingüística, a miña opinión é exclusivamente a dun usuario. Outros teñen o mandato ético de aportar razóns para "salvar" a lingua galega dun naufraxio intuído por ausencia de mantemento, abandono da tripulación e neglixencia do capitán.


Acontece que, en contra do que se recolle no Estatuto de autonomía, non se puxeron os medios para manter en bo estado o galego: nin os medios materiais (económicos), nin os humanos (profesorado), nin os políticos (prelación necesaria, impulso da lingua en situación de debilidade), nin tan sequera os éticos (negación da presenza do galego nas institucións europeas, negación das políticas de inmersión lingüística). Certo que o plurilingüismo estrutural nas sociedades occidentais, que leva a que se instaure a 'lei do máis forte', en particular nas cidades é un vector que xoga en contra das linguas máis débiles, mais nin por isto é aceptábel que se baixe a garda e se prive os cidadáns indíxenas (galegos) da súa visión do mundo expresada na súa lingua propia.



Acontece tamén, e non é problema menor, a traizón sistemática á propia estirpe. Comezou hai xa unha morea de anos polas clases máis acomodadas, aínda que persistira unha porcentaxe heroica de burgueses galeguistas. Hoxe o fenómeno, como acontece tamén noutros eidos políticos, resulta transversal, de xeito que as clases operarias (asalariadas ou autónomas) subíronse ao carro da traizón, como tamén o fan no eido político, onde votan as formacións políticas que defenden a plutocracia e a laminación dos dereitos individuais. Ou sexa, que o problema non é estritamente lingüístico senón social. É dicir, enmárcase nun contexto de manipulación social, de gregarismo inconsciente e de miseria ética por imitación de aqueles que acadaran o trunfo económico (en particular se unha das linguas funciona como 'elevador social').


Saturación de opinións

Semella que nas esferas do poder alguén foi instruído para redactar un 'manual de instrucións para facer unha lingua –o galego– irrelevante'. Non tanto para que desapareza para sempre, senón para que cumpra a función de aderezo. Algo ritual, un tesouro, unha icona sagrada a que se lle sacude o po para sacala en procesión en datas sinaladas, sexan estas políticas, relixiosas, enraizadas na tradición cultural ou aínda en actos protocolarios ou festivos. O obxectivo non é eliminar a resistencia, só esganala para que careza de medios de expresión e canles para expresar o seu malestar.


Se seguimos a lóxica do poder a lingua galega está protexida mais non debe ser imposta. Argumentación arteira cando o que hoxe constitúe unha rareza neste país é poder vivir facendo uso da lingua propia. Dificultades no trato coa administración, coas empresas, cos corpos de seguridade, cos funcionarios e, en xeral, con todos aqueles concidadáns que traballan cara ao público, sexan eles camareiros, notarios, empregados de correos ou administradores de xustiza, por pór ocupacións diversas. E mentres, para fragmentar aínda máis as opinións, para debilitar os razoamentos, para pór en causa as razóns, que mellor que crear unha miríade de comisións, subcomisións, plataformas, mecanismos, foros..., armas na fin para diluír a análise, dividir os descontentos e crear un estado de opinión onde a saturación de opinións (aquí regreso á autocrítica) leve á dupla sensación de marasmo (debilidade) e de confusión, mentres se queira dar idea de ter "consultado a todo o mundo". Isto facilita a toma de decisións, pois estas xa están tomadas no mesmo instante cando se redacta o 'manual de instrucións para facer o galego irrelevante'.


O texto do tal 'manual' non existe, aínda que non me resisto a escribilo, do mesmo xeito que ben podería escribir un 'manual para facer o galego a lingua dominante en Galiza'. Mais que queren, todo foi ficción dende o inicio: a intención do pacto, a dispersión de opinións e de vontades, a ausencia de autocrítica, a tentación da inocencia, o medo á liberdade, a sensación de marasmo e o malestar na cultura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario