por Daniel Chapela no Nós Diario:
Milleiros de sorrisos conectáronse este domingo durante varias horas na capital de Galicia. Ollares que reflectían esperanza, ganas de mudar as cousas. A necesidade de nos involucrar como sociedade nunha das tarefas colectivas máis relevantes para este século. Baixo a ollada atenta do apóstolo Santiago, o orgullo pola nosa lingua impregnou a praza do Obradoiro e todos os recunchos da zona vella baixo un mesmo lema: lingua vital xa!
Convocadas polo colectivo Queremos Galego, persoas de dereitas e de esquerdas, mozos e vellos, da cidade e do rural, démonos cita para reclamar medidas de choque para a lingua galega ante a actitude da Consellería de Lingua neste asunto. Á farsa do Pacto pola lingua –a cuxas reunións se convocan a entidades sociais e veciñais afíns ao PPdeG, mentres quedan fóra entes autonómicos como a CTNL ou a AELG– e ao ocultismo xeral sobre os membros de cada grupo de traballo, os seus currículos, as áreas que leva cada un deles etc., súmase a falta de medidas para revitalizar a nosa lingua. Agardar aínda máis dun ano para que chegue ese presunto pacto. E, mentres tanto, non implementar ningunha proposta de calado como as previstas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
Non pensemos mal! É probable que López Campos, conselleiro do ramo, non abrise nunca un libro na súa vida, polo que é sinxelo que non lese con folio e lapis ao lado o PXNLG. Este, aprobado baixo o mandato de Fraga Iribarne, establece cousas como que no ensino primario, secundario, bacharelato e formación profesional o alumnado reciba 50% da súa docencia en galego como mínimo. Como mínimo. Esta proposta, que tería un efecto catártico, non entra nos plans da Xunta de Galicia a pesar de que foi deseñada baixo un goberno popular. Que diría Iribarne?
Resulta sorprendente que aquilo que no seu tempo representaba o consenso e unha liña de traballo fundamental para o avance do idioma, hoxe sexa tachado de extremismo. Lembremos que, entre os deputados que ergueron a man a favor do PXNLG e, por ende, dun 50% ou máis galego no ensino estaban Diego Calvo e Pilar Rojo. Si, esa mesma Pilar Rojo que esta pasada semana votaba en contra do galego na Comisión Mixta. Aquelas propostas, capitaneadas baixo o sol de mover os marcos para aumentar o terreo da nosa lingua, hoxe son censuradas polas mesmas persoas que as deseñaron/aprobaron.
Un berro unánime que procedía de todos os puntos do país. De persoas chegadas baixo un mesmo paraugas: o de amar a nosa lingua e, polo tanto, o de amarnos a nós mesmos. O de fomentar o propio. E, especialmente, o de desestigmatizar o idioma. Porque si, o galego é a lingua das redes sociais, das cidades etc. É unha lingua tan moderna como os seus falantes queiramos, tan innovadora como nos empeñemos en convertela.
Mentres estes días observamos como en Valencia inician as consultas ás familias sobre a lingua na que van estudar os seus fillos –o que, debido á limitación de recursos económicos, terminará perxudicando o catalán–, a nosa terra non está xa tan lonxe dun final así. É por iso que cómpre unha aplicación real do que xa se acordou no Parlamento hai máis de dúas décadas. Para garantir que o galego chegue a todos os puntos do ensino, para facilitar a existencia de todos os materiais técnicos en galego, para que a xustiza tamén o fale. É a nosa misión recordalo desde Bueu até Ribadeo, desde Carnota até A Gudiña, pasando polo Obradoiro. Así o fixemos onte e o volveremos facer cantas veces sexa preciso: Lingua vital xa!
Ningún comentario:
Publicar un comentario