Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 2 de marzo de 2025

A nobre causa


por Bieito  Lobeira en Nós Diario:

Non sei cal é a razón pola que hai días do ano normaliños, deses que están aí, mais que pasan desapercibidos, e outros, pola contra, que enchen o calendario, danlle sentido á memoria e fan sorrir ao evocar bos momentos ou datas emblemáticas. Días sobranceiros, dos que obrigan a lembrar. Destes últimos é o 23 de febreiro.


Hai 188 anos, un 23 de febreiro, nacía Rosalía de Castro. Nada menos. Hai 117, Laxeiro, o pintor. Lembramos tamén o cabodano do Zeca Afonso, van xa alá 38 anos, e parece que foi onte. E tamén unha mañá fría de hai 22 anos, unha multitudinaria e histórica marcha galega tomaba Madrid baixo o berro de "Nunca Máis!". Ademais é o aniversario de Marta Romero (parabéns!), que soubo ser consecuente na defensa do seu idioma mesmo xogándose o posto de traballo.


Tamén é certo que houbo outro 23-F, neste caso de 1981, protagonizado pola Garda Civil. Non sabería como cualificar exactamente eses feitos, tendo en conta que nesa particular Ruedipedia que tan ben sabe difundir a TVG, o termo "golpista" está exclusivamente reservado para o nacionalismo catalán. É, por certo, a mesma TVG que censura a plataforma Queremos Galego e a reivindicación social da lingua galega. Non é unha novidade que o desta xente xa non é censura sectaria. É directamente indignidade.


Mais volvamos á Ruedipedia. Alén das medidas regresivas que adoptan e publican no DOG, reviste inmensa gravidade a mensaxe que trasladan a unha sociedade como a nosa, tan precisada de autoestima colectiva. Que o mesmo presidente de Galiza chegue a manifestar que falar español é "o natural", e que o galego é unha imposición, e que toda a mediática asuma disciplinadamente ese discurso, é un retrato de até que punto este pequeno cacique acomplexado con vocación de criado está disposto a sacrificar sen piedade a lingua deste país.


Hai unha razón evidente. O galego é un elemento de conflito porque é consubstancial á existencia da nación galega. Temos lingua porque somos unha nación. Daquela, o proxecto imperial de España é incompatíbel coa existencia de linguas diferentes ao español. Este é o problema de fondo, e por tanto, cómpre eliminar calquera síntoma que poña en risco a idea nacional de España. Velaí a súa estratexia.


Mais a grande pregunta é: ten o pobo galego capacidade, por si propio, para defender o seu idioma e enfrontar esta situación de emerxencia? Estou convencido de que si, de que somos quen de o facer. De que hai músculo e vitalidade suficiente neste país. Tamén contradicións, evidentemente. E moita colonización mental e máis da outra. Mais temos demostrado ao longo da nosa historia que somos unha nación capaz de facer grandes cousas. O que cómpre: vontade, organización, claridade, proselitismo, coherencia e determinación. Ah! E nada de complexos. Este 23 de febreiro volveremos facer historia.


PS: A mellor homenaxe a Rosalía, este domingo no Obradoiro. Non esquezades levar na fronte unha estrela e no bico un cantar. Para deixar de sermos estranxeiras na nosa Patria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario