por Uxío Labarta en La Voz de Galicia:
Unha declaración institucional da Real Academia Galega peta de novo sobre o galego. A partires da Enquisa de condicións de vida das familias do Instituto Galego de Estatística (IGE) do ano 2023, analizada con amplitude no Informe sobre a situación da lingua galega da autoría de Monteagudo, Loredo e Vázquez-Grandío, a RAG alerta de novo e propón solucións para o que segue sendo a dramática da lingua galega. Aquela analizada por Xesús Alonso Montero, nun texto firmado en Lugo un 4 de abril de 1973. Ou, cunha outra fasquía, a de Francisco Rodríguez, Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza, dende a súa primeira edición no 1976. E mais logo as obras de investigación de Henrique Monteagudo e o seu equipo, e os innúmeros e destacados ensaios de sociolingüística da súa autoría. Digo isto porque antes da declaración institucional e a situación que se desprende do informe e da enquisa do IGE 2023, viñamos ben avisados. Tan avisados que fomos afortunados cando o noso Parlamento no 1983 aprobou por unanimidade unha lei de normalización lingüística e un pronto desenvolvemento para introducir o galego no ensino, mesmo coas eivas, erros e retesías. E, nalgún tempo, teren material audiovisual para nenos e series de ficción de sona. Aínda que nunca se lle prestara a atención debida ás novas tecnoloxías ou redes. Tamén por contar con «conversos», que dixera Otero Pedraio, que axudaron a facelo posible.Un sabe de certo que o Decreto de Plurilingüísimo (2010), como ofrenda do Goberno Feijoo á Galicia Bilingüe, non foi só iso, senón dar carta de natureza ao xa relaxado no ensino, nos ensinantes e na sociedade enteira. Por iso non creo que o futuro do galego, debendo de se cambiar moitas cousas, dependa só da escola. Ben dicía Alonso Montero en 1973 que «se ben se precisaba da escola, con ela soa non chegaba». E polo tanto, cando falamos do proceso desgaleguizador da escola deberíamos amplialo para entender que escolarización é unha incorporación ao mundo social, á sociedade. Onde todos estamos.
Por iso é doado que os datos do informe sobre a lingua galega arrepien: saber que só quedan 35.000 nenos e nenas de 5 a 14 anos galegofalantes, ou saber do incremento daqueles que só falan en castelán en todos os grupos de idade (o 43 % nos de 15 a 29 anos, e o 54 % naqueles de 5 a 14 anos), ou da incapacidade para falar galego do 32 % e da incompetencia para escribilo do 38 % nese mesmo grupo máis novo. Ou saber por vez primeira que na enquisa o castelán é a lingua máis falada en Galicia.
Esta escolma de datos e as análises dese informe coinciden cunha análise autocrítica, libre, e intelixente sobre Galicia e o seu pobo, cando se daba unha unanimidade no Parlamento sobre do Plan de normalización da lingua, aló no 2004. Aquela de «A Terra quere pobo», onde Xosé Luís Barreiro Rivas recoñécese inquedo por unha Galicia que segue na procura do seu pobo, e alí intuíu este porvir para o galego. O porvir «que todo galego choraría, se inda chorar puidera».
Ningún comentario:
Publicar un comentario