por Manuel Gago, en La Voz de Galicia:
Quen siga as novidades da literatura notará nos últimos anos na comarca do Barbanza, máis que na Costa da Morte, como cada vez máis xente nova escolle publicar a súa primeira obra literaria en castelán. Desde poemarios ata novelas de mocidade, cozy mistery, ou de pretensións máis literarias. Son na maior parte dos casos obras autoeditadas, pagadas cuns aforros deles, ou por pais ou avós que financian ese soño dos seus rapaces. Como pasa en todo o mundo, a maior parte deses libros non chegan moito máis alá do círculo de amizades e familia. E internet tampouco axuda moito a movelos. Eles cren que o seu Instagram vai funcionar. Pero resulta que non.
E isto ten moitos motivos. Partindo da premisa de que cadaquén pode escribir no idioma que lle pete —faltaría máis!—, en realidade escoller escribir en galego crea oportunidades e abre camiños. Os libros non son un invento que se fai popular por arte de maxia: son parte do itinerario persoal do escritor, da comunidade de lectores e do ambiente cultural. Un libro en galego conecta con facilidade co ecosistema local no que circula en ámbitos diversos, desde a lectura privada, os clubs, os certames ou o ensino.
Non só iso: os libros escritos en galego espertan redes de afectos, o cal é algo moi poderoso. Se non colocas un libro nun ecosistema literario, convértese nunha botella guindada a un mar enorme e frío no que non se va atopar. Un bo consello para aqueles pais que van pagar o soño literario do seu herdeiro: animádeo a que escriba para o mundo que a rodea.
Ningún comentario:
Publicar un comentario