Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 19 de marzo de 2022

Os pesimistas tamén se enganan

 por Carlos Callón en La Voz de Galicia:

Cando nos detemos a pensar sobre o pasado, o presente e o futuro do galego, hai dúas preguntas fundamentais que temos que nos facer en voz alta. A primeira, por que o idioma nado para ser o natural da Galiza —de aí o seu nome: galego— non deu consolidado até o momento o seu espazo social. A segunda, por que unha fala reprimida fisicamente por séculos nas escolas (ao menos de 1543 a 1980, como documentamos no Libro negro da lingua galega), afastada dos templos (nunha exclusión que non padeceron catalán nin vasco) e desprovista de todo auxilio institucional durante medio milenio conseguiu sobrevivir e mesmo aspira a deixar atrás todos os confinamentos.

 

 

 

Houbo varias bocas agoireiras que, xeración tras xeración, pregoaron o inminente fin do noso idioma e lle cantaron os responsos: «Está llamado a desaparecer» (1877), «el dialecto ha desaparecido» (1888), «que huye, que se esconde, que se fusiona, se bastardea, se muere» (1888), «un paso más y la lengua gallega desaparece» (1906), e tantas outras profecías anunciadas por persoas que xa van alá, en canto a lingua continúa acesa nas bocas e nos corazóns. Do mesmo xeito que naqueles filmes de serie B en que se dá por morta e sepultada unha persoa e xurde unha man vitoriosa de entre a terra remexida, así a proscrita «lingua B» dá a sorpresa e rexorde cando pouca xente a agardaba. Tanxugueirízase.

 

 

Esta constatación, que é tamén un voto esperanzado nun destino por labrar, non cae na negación da realidade. Ninguén pode desmentir a crúa hemorraxia de falantes que agora nos lembra a enquisa de Sondaxe, nin que no ano 2022 perduran vetos impropios destes tempos. A situación máis grave dáse no ensino, cun decreto de «plurilingüismo» cuxos efectos lesivos saltan á vista en todos os estudos que se publican. O que en 2009 era advertencia, hoxe é constatación.

 

A evolución do galego non ten nada de especial dun punto de vista sociolingüístico: pode florecer ou recuar segundo foren as políticas das administracións. Nin máis nin menos. Do mesmo xeito que outros idiomas que estiveron en risco, o da Galiza pode deixar atrás a precariedade se se tomaren as medidas. Nin o Goberno galego nin a inmensa maioría dos concellos van hoxe nesa dirección. Oxalá muden o rumbo e que non venzan os dos responsos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario