Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 31 de decembro de 2022

Sobre o uso do galego: Filoloxía e política (Política)

 por Xesús Alonso Montero en La Voz de Galicia:

Desde hai bastante tempo as enquisas dos sociolingüistas sobre o uso do idioma galego non son favorables. De feito, non fai falta nesta cuestión ser especialista para que calquera cidadán atento se decate de que o uso da vella lingua do país, lonxe de medrar, vai minguando engordiño.

 Hai dous anos un profesor da Universidade de Vigo, Fernando Ramallo, experto en Sociolingüística, remitiu a vinte e cinco persoas do ámbito filolóxico, comprometidas coa causa da lingua, un inquérito sobre o porvir do idioma galego, respostas que foron recolleitas no volume A lingua en 2050 (Vigo, Catrovento editora, 2021, 252 pp.). Que eu saiba, este libro de Prospectiva (cal será a situación do galego dentro de trinta anos?) tivo nulo ou escasísimo eco e sei de moitos profesionais do gremio e militantes da causa que non o leron. É un dos meus asombros como vello observador e estudoso da problemática lingüística galega. A miña intervención de hoxe é un resumo, moi lacónico, das páxinas que publiquei nese indispensable volume colectivo (28-41).

 Malia perdas e diglosias, o galego aínda é un idioma de notable potencial entre os seis mil idiomas do mundo con problemas, graves nalgúns casos próximos (bretón, sardo, occitano...) e moi graves, gravísimos, noutros (bastantes linguas de América e África). Lectores haberá que se fagan esta pregunta: E o vasco, o éuscaro: onde situar este idioma tan distinto ao castelán ou a calquera outra lingua románica? Pois ben, idioma tan distante no léxico e na gramática é o idioma que ninguén falaba na cidade de Bilbao en 1864, o ano en que naceu Miguel de Unamuno, que o aprendeu, fóra da urbe, nun caserío da familia. Mais hoxe, paseando polas rúas da capital biscaíña, é moi doado atopar xentes mozas que falan, con naturalidade, un idioma que moitos dos seus avós e pais xa non sabían. A poboación nova —o futuro!— escolarizada en vasco —tamén en castelán— é froito dunha política educativa para a que se mobilizaron recursos económicos, estudos, expertos, enquisas e programas, todo dentro dun plan xeral no que o Goberno, desde o Presidente ao máis humilde director dun organismo, asumían responsabilidades non só na Consellería de Educación ou na de Cultura.

É obvio que estes progresos do vasco, dentro e fóra das aulas, responden a un plan deseñado e realizado por un partido no poder que está comprometido a fondo coa causa (Causa) da lingua vasca. Tales políticos —algúns neofalantes, euskaldumberris— empregan acotío o idioma que din defender no fogar e en certos espazos públicos, cada vez máis. A sociedade vasca percibe que a inmensa maioría dos seus dirixentes autonómicos son coherentes coa súa prédica pública: predican e dan trigo. Non se concibe naquel país a un Conselleiro que na TV instou, o Día das Letras Galegas, a que as familias se expresasen o máis posible en galego, e que, unha hora despois, nun restaurante urbano, conversou, coa muller e cos fillos (que aprenderan o galego no instituto ou no colexio), en castelán. No fondo, tivo que pensar el, e tantos, era o idioma do seu estatus social. Porque é certo que en Galicia, nas cidades e nas vilas, na súa inmensa maioría, as xentes que se cren da clase A falan, no fogar, a lingua A, o castelán.

 No meu artigo facía a vella pregunta de Lenin: “Que facer?”. En realidade a batalla —a batalla cultural— está na política, na política democrática, e a orientación, mutatis mutandis, para asuntos sociolingüísticos —e só para estes—, podería vir dos políticos que gobernan a Autonomía vasca desde 1978. Por conseguinte, cómpre e urxe poñer no Goberno galego, canto antes, persoas e grupos que, de certo, estean comprometidos a fondo coa Causa da lingua e que sexan capaces de artellar programas educativos que lembren, na eficacia, os do País Vasco. Serían, loxicamente, políticos de esquerda (ou dunha certa esquerda), pero políticos que incorporasen ao seu discurso progresista a tarefa democrática de consolidación e potenciación do idioma desde as institucións. Supoño que haberá que enfrontalo coa intelixencia, a paciencia e o sentidiño demostrado, en xeral, polos vascos, valedores, por certo, dun idioma moito menos asequible.

Se os remedios non veñen, democraticamente, desde as instancias políticas con poder real, de onde van vir? O que se fai, no actual esquema institucional, é etiquetar en galego algúns viños do Ribeiro, reeditar poemas de Delgado Gurriarán, non explicar en lingua castelá certas materias nos institutos ou promover traballos moi eruditos sobre feitos literarios e históricos; tamén convocar concursos literarios para subliñar a importancia da lingua galega entre escolares, moitos deles fillos de profesores e profesoras falantes de castelán. Hai que saber que todo isto —necesario, gabable— son remendos, non remedios.

Cando, arredor de 1955, o doutor Antón Beiras e a profesora Antía Cal decidiron utilizar no seu propio fogar (cos fillos, cos avós destes) a lingua galega, protagonizaron nunha cidade (en Vigo) unha experiencia inédita no mapa urbano de Galicia entre os estamentos cultos e acomodados, pois nin sequera os vellos galeguistas (Otero Pedrayo, Fernández del Riego, Carballo Calero...) practicaban na casa coa familia a lingua que non era a do seu estatus social. O exemplo da parella Beiras / Cal inzou con moi pouca fartura. Hoxe imponse crear un humus cultural que, no esencial, ten que proceder do facer institucional e dos dirixentes públicos para que os novos, alumnos ou exalumnos de ensino medio, atopen nos seus fogares —de oficinistas ou de mestres, de profesoras ou de médicos— actitudes distintas ás habituais, tan distintas que, cando estes mozos novos constitúan familia, non pese sobre eles a lousa familiar hoxe existente en tantos e tantos fogares.

En calquera caso, tal como hoxe se move a sociedade, non é posible imaxinar para o noso país unha potenciación real e eficaz do idioma galego que non proveña da acción política desde o poder: da Política. Tal cuestión, moi esquematicamente exposta, é merecente dun logo debate no cal o seu espiñazo argumental terá que ser, forzosamente, o feito de que é imprescindible, para avanzar en serio, que os estamentos ilustrados e acomodados adopten, como lingua valiosa e habitual, o galego. En plena Era de Franco, a burguesía das catro provincias do Principado tiña, como lingua do fogar, o catalán. Aí estaba e está a súa fortaleza; non así en Valencia, onde o catalán ten notables semellanzas coa situación sociolingüística do galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario